Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Chamoume Atheán. Xa sabedes que il é moito do WhatsApp, mais desta volta utilizou a súa voz fonda, varil e melódica; acaída a un anxo locutor. Non andou con voltas, foi directo ó grau: “ Maña preséntome na túa casa para irmos a Compostela. Quero asistir ó acto que se celebrará, en S. Domingos de Bonaval, para conmemorar o 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao.” Por min encantado, contesteille.
Presentouse incorpóreo e de súpeto. Atravesou as paredes e encheu de luz a miña cociña, xusto no intre no que me dispuña a almorzar. Mantívose un bo pouco levitando e pronunciou, con emotiva e clara dicción, o parágrafo inicial do discurso de Castelao Alba de groria. Souben que se trataba da edición publicada polo Centro Galego de Bos Aires o 2 de xaneiro de 1951, co gallo do primeiro cabodano, porque dixo abrante, no canto de abrente: “ Si no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única...”
Cando lle cadrou, Atheán fixo aparecer o seu maletín rectangular de pel e foi tirando dil a roupa que escollera para a ocasión: impecable traxe escuro, camisa branca, chapeu e lazo negro, moi do estilo de Castelao. Vestiu todo cerimonioso e acabou amalloando os zapatos. Chameille a atención por terse calzado enriba dunha das miñas cadeiras. Non fixo caso ningún e dedicouse a axeitar o pantalón. Foi daquela cando reparei nas súas longas pernas. Quere emular, en canto a presenza, ó xenial rianxeiro. Vai facer o ridículo-pensei-.
Puxémonos ó camiño no meu coche. O meu amigo anxo foi falando todo o tempo -case que un monólogo ata chegarmos a Santiago- sobre a súa interpretación de Alba de gloria. E por certo, estaba ben documentado. Comezou dicíndome que a intención de Castelao ao pronunciar a súa fermosa peza oratoria, o 25 de xullo de 1948, xa viña de tempo atrás. O discurso tivo lugar co gallo do Día de Galicia, nun acto organizado polo Centro Galego de Bos Aires no Teatro Argentino.
A finais dese mesmo mes, no número 463 de A Nosa Terra, o propio autor explicou cando o comezara a escribir. Indicou que fora un ano antes, en 1947, durante a súa estadía en Marsella, Francia. Atheán mencionou un mecanoscrito de 1945, preparado para o Día de Galicia, no que as ideas básicas de Alba de gloria xa están presentes. É aí onde imaxina a Santa Compaña de inmortais galegos en procesión, en interminable ringleira.
Abre Prisciliano, o heresiarca decapitado en Tréveris, que se afinca nun caxato episcopal rematado pola fouce dos druídas, seguido de senlleiras figuras dos nosos homes e mulleres ilustres: Teodosio, emperador de Roma, Dámaso, papa da cristiandade, a monxa Eteria, Paulo Osorio, autor da primeira historia universal, o bispo Itacio, cronista dos suevos, San Pedro de Mezonzo, San Rosendo, Xelmírez, arcebispo que engrandeceu Compostela, Afonso VII e outras dignidades eclesiásticas e civís... A carón diles marcha o mestre Mateo, escultor do Pórtico da Gloria, un cento de xograres e trobadores, Airas Nunes, Bernal de Bonaval, Mendiño, Martín Códax, Paio Gómez Chariño, Macías o Namorado... Andrade o Bo e os condes sabios e xustos, seguidos polos seus ruíns descendentes... E tamén están Roi Xordo, o irmandiño revolucionario, Pedro Pardo de Cela, o mariscal resistente á dominación de Castela, Pedro Madruga, Vasco da Ponte, cronista do século XV, os Fonsecas, o Padre Sarmiento, o Padre Feixoo, os tres grandes poetas do Rexurdimento, Rosalía, Curros e Pondal, Murguía, a Pardo Bazán, Valle Inclán...
E logo, miles de milleiros de ánimas sen nome, o substractum da patria representado por infinidade de luces pequeniñas, alicerce do idioma, da cultura, da arte, da tradición... En definitiva, o feito diferencial de Galiza, rematou Atheán.
E Alfonso R. Castelao, o Guieiro, maxistral intérprete desa alborada de campás de gloria, cal é a súa luz astral? inquirín. Sen dúbida ningunha, espetoume o anxo; a que máis brilla no ceo de Breogán.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior
OBRAS Y SOCAVONES
Ourense, la ciudad de las vallas infinitas