Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
Levoume ben tempo e paciencia, abofé, respostarlle ó meu amigo e compañeiro destas crónicas, o anxo Atheán, a súa pregunta sobre unha vella ilustración, máis ou menos de comezos do pasado século e milenio, que mostra un home vestido cunha estraña e voluminosa capa de palla, rematada nun cómico e puntiagudo carapucho. Ignoro de onde sacou o anxo ese gravado, pero denota a súa curiosidade e o seu manifesto interese polos elementos que conforman a nosa identidade como pobo. Cada vez, dixen para min, este gardián das almas galegas está máis identificado connosco. Paga a pena contribuir á galeguización dun espírito celeste, que inquire con tanta graza e encanto.
Unha vestimenta autóctona -moi ourensá, por certo- destinada polos nosos labregos para protexérense da chuvia; chámase coroza
Chamoume, despois xa duns cantos días sen comunicación, e púxenme, coma sempre, ó seu servizo. Así de primeiras, informeino do que se trataba: unha vestimenta autóctona -moi ourensá, por certo- destinada polos nosos labregos para protexérense da chuvia; chámase coroza. Non foi difícil para Atheán, que domina o grego e o latín clásicos, tanto falados coma por escrito, dar coa etimoloxía adecuada. “Ah, contestou axiña con indisimulada emoción, debe vir do latín cucullus”. A penas me deixou aseverar, para engadir, case de socato, “ faime lembrar o cucullos infamis. Un gorro cónico de cartón pintado de labaradas bermellas, simulando lume, que a Inquisición obrigaba levar nos autos de fe, como complemento do sambenito, ós homes e mulleres que atentaran contra Deus e a súa Igrexa”.
Exacto, meu amigo! díxenlle. Coroza é palabra galega e castelá. Na magnífica serie dos Caprichos de Francisco de Goya, o xenial pintor e gravador representa a reos con esa carapucha. Como ti dis, recalqueille, é un símbolo da infamia, variaba segundo o delito e a sentenza. Pasamos, na conversa, ás persoas que, na actualidade, portan e cargan os pasos procesionais na Semana Santa. Popularmente coñecidos como costaleiros, penitentes e prominentes, tamén levan os devanditos gorros aguzados. Aproveitei, daquela, para aclararlle que na nosa tradición este tipo de fachendosos e multitudinarios percorridos coas imaxes ó lombo, de carácter urbano, son recentes. A devoción galega, de raiz atlántica, polos santiños e as advocacións da Virxe María, con innegables antecedentes pagáns, é moito máis recollida. As nosas procesións, en xeral, teñen lugar arredor da igrexa parroquial, no adro da mesma. Os desprazamentos, todo máis, limítanse a un lugar de preto; un outeiro, unha fonte, unha carballeira...Fomos e seguimos a ser, salienteille, aínda que a ti, anxo querido, che coste traballo recoñecelo; priscilianistas. Aquel bispo hispanorromano, piadoso e de ideas avanzadas, inxustamente acusado de bruxería e de agnosticismo, o heresiarca nado na Gallaecia e decapitado, xunto cos seus seguidores, en Tréveris; segue a estar eiquí.
O resto foi informar a Atheán sobre as corozas galegas, de orixe prehistórica, libres de anatemas, ecolóxicas, cun deseño de sinxela avangarda e moi útiles antes da proliferación industrial de impermeables e chuvasqueiros.
O xenial Castelao, abondei, autocaricatorizouse vestindo unha. Eran feitas de palla centea ou de xuncas mazadas, entretecidas en cadrelo. Constaban de tres partes: a capa, ampla e longa ata os nocelos -con enganches da mesma materia-; o carapucho, que cubría a cabeza e as polainas, elegantes e cinguidas á parte baixa das pernas. Seica houbo outro modelo, por enteiro nunha soa peza. Eu esas, amigo Atheán, non as acordo. Do que si podo dar razón é das esteiras; corozas a dúas augas para o gando. Eempregábanse para protexer as vacas recén paridas cando se botaban a pacer fóra da corte. Nas bestas, pouco. Agora, cando vexo vestidos de antroido os cans e as cadelas, cabilo o millor que camparían con candansúa corociña.
Ela me aprendeu que este tempo de primavera, inestable e antoxadizo, pódese denominar cunha fermosa metáfora; o sol das corozas
Do que podo dar fe, grazas ás investigacións dos nosos grandes etnógrafos, é de que en determinadas zonas da montaña ourensá, abondou o oficio. Mulleres coroceiras, sobre todo. Eu coñecín a unha na Candosa, preto do Paraño. Ela me aprendeu que este tempo de primavera, inestable e antoxadizo, pódese denominar cunha fermosa metáfora; o sol das corozas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
Lembranzas de Otero Pedrayo no centenario da Guía de Galicia
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Blas de Lezo
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
El récord Guinnes que espera Lugo
Lo último
INCIDENCIAS POR LLUVIA Y NIEVE
Ourense, al límite ante la llegada de la borrasca Leonardo: lluvias constantes, ríos desbordados y embalses llenos
CITA AUTONÓMICA
Un estreno con grandes sensaciones del piragüismo gallego