O anxo Atheán | Sombras

Publicado: 21 dic 2024 - 07:00 Actualizado: 21 dic 2024 - 07:00

Comenteille ó anxo Atheán a miña preocupación pola falta de luz no inverno, con todas as implicacións que isto conleva. O simbolismo do sol resulta multivalente e, polo tanto, a ansia do esplendor solar tórnase moi rica, amplísima en posiblidades. Para moitos pobos o sol representa a propia divinidade, epifanía uránica, pero tamén pode ser considerado como fillo do deus supremo ou irmau do arco da vella. É fonte da luz, da calor e da vida, cos seus raios recibidos pola terra, con innegables influencias celestes -ou espirituais- e ven sendo representado, ó longo da humanidade, como elemento vivificador. Mais tamén está o outro aspecto, o negativo; o sol destructor. O das terribles sequías, oposto ás chuvias fecundantes. Por exemplo, o sol nacente non é só o emblema do Xapón, determinou o propio nome do país, Nihon.

Para moitos pobos o sol representa a propia divinidade, epifanía uránica, pero tamén pode ser considerado como fillo do deus supremo ou irmau do arco da vella

En realidade, as sombras resultan seren o oposto á luz. Na sombra as imaxes dos seres e das cousas vólvense fuxitivas, cambiantes, irreais...Os gregos clásicos celebraban os sacrificios ós mortos sempre ó mediodía, na hora sen sombra. Mesmo entre nós, a persoa que lle vende a alma ó demo, perde a súa propia sombra.

Atheán estivo escoitándome e, cando interveu, non lle presou ningunha atención á separación da sombra e da alma na hora da morte. É evidente que il non acredita nesa segunda natureza do ser e das cousas, que garante unha eternidade sombriza no máis alá.

Retruqueille eu na importancia que a cultura lle ten dado á sombra como símbolo de toda acción, como fonte lexítima da espontaneidade. De aí a acción máxica da sombra sobre o corpo humano e sobre a natureza vexetal e animal no teatro.

Preferiu, o meu amigo anxo, -presente en representación corpórea cun elegante traxe verde, camisa branca sen garabata e finos zapatos marróns de coiro- saltar ó simbolismo dos solsticios como grandes creacións do seu deus omnipotente. En efecto, estes non coinciden co carácter xeral das estacións. O solsticio de inverno, que é o que abre a fase ascendente do ciclo anual, e o de verao, que abre a descendente, teñen a súa orixe no simbolismo grecolatino. Eran as dúas caras do deus Xano, que pasaron a seren as de San Xoán, o de inverno e o de verao. Resulta doado constatar que a porta invernal é a que introduce a fase luminosa do ciclo, e a porta estival a fase de escuridade.

Atheán esplicou así o nacemento de Xesucristo no solsticio de inverno e o de San Xoán Bautista no de verao, claro na fórmula evanxélica “É preciso que il creza e que eu decreza” (Xn 3,30).

O meu ánimo decaído e, sobre todo, unha soedade moi ourensá, manifesta nos milleiros de homes e mulleres desta provincia, septuaxenarios, octoxenarios e nonaxenarios, que teremos que pasar o Nadal sen ningunha compaña. Sós e zaminando no que se foi perdendo; a xuntanza das familias, as boas viandas e as bebidas partilladas, o humor e, como non, os inevitables choques de todo tipo, fóronme afastando, esta vez, da leria do anxo. Adormecín e, cando acordei, Atheán marchara. Mañá teño que ir pór as dúas vacinas -pensei para min-. Seguro que me han dar reacción. Dous ou tres días no leito, febre e moita suor, corpo mallado., horas interminables... Cando me recupere, xa será Nadal.

Contenido patrocinado

stats