Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Con Anxo Losada e José Suárez, como se fose Ourense Fotográfico
ARTE ET ALIA
Xosé Lois Vázquez Pérez, “Ché”, e Xurxo Andrés Lobato Sánchez son fotógrafos galegos da mesma xeración e fondo ronsel. Editor e publicista aquel, cunha comprometida teima coa creación artística fotográfica, sendo a liña deste o foto-documentalismo e o retrato cultural. Ambos están a facer de comisarios de senllas exposicións. Lobato trae “José Suárez, vida e obra” ao Camiño da Igualdade do Campus universitario, espallando a súa presenza polo país galego (Lugo, A Coruña, A Guarda, Vigo, Ribeira, Ferrol, Pontevedra ou Santiago) cunha mostra en nome da Real Academia Galega de Belas Artes, académico dela dos máis activos da sección das artes da imaxe. E estrea o documental dedicado “A mirada humanista” no centro cultural da Deputación, onde na primavera pasada amosouse unha mostra antolóxica que tratei nesta columna de arte e cultura. Eis unha exposición itinerante de catro estruturas metálicas con dezaseis lonas de fotografías co seu mais destacado elenco temático, un amplo rexistro etnográfico de seres anónimos, caso do neno de Bueu coa dorna de xoguete “Javiota”, ou Miguel de Unamuno, reitor da Universidade de Salamanca, que a firma o 28 de setembro de 1934 a piques de cumprir 70 anos. Un relevante fotógrafo galego, dos máis internacionais, con Outomuro. E na de Roberto “Verino”, o Rincón de Arte da súa boutique de moda da rúa do Paseo, Xosé Lois cura “...fágase a Luz!” de Anxo Losada Monteserín (Ourense, 1981). Esta mostra e aquela son vixencia da narrativa fotográfica no tempo, e fanme lembrar nesta estación a convocatoria anual Ourense Fotográfico (OF) que enchía de contido referencial Ourense.
Anxo medrou nunha familia na que a fotografía era centro de interese do seu pai José Benito López Losada, xestor a Casa da Xuventude e dinamizador cultural do festival OF e tamén da banda deseñada, formas novas da expresión plástica contemporánea. Residiu en Viena, entre 2006 até 2016, formándose de xeito autodidacta segundo a folla de sala, e logo dos comezos co medio analóxico e cámaras alternativas, pasou “a métodos dixitais de positivado”. Para este debut idea unha secuencia narrativa en cinco actos dende este versátil instrumento e a súa esencia, a luz, e máis ao utilizar B/N, unha declaración de principios que son historia viva do medio. Cun ton de sabor teatral, anuncia que pretende que nas fotos “brille a Luz con luz propia” nas obras de medio formato e expresiva disposición en sala. Alí están a galería da Tate Modern Gallery, Londres, o labirinto de Villandry, Francia, Timanfaya en Lanzarote, a praia de santo Amaro na Coruña, coa estrutura de formigón da vella canteira, e os Menhires pola Paz no parque escultórico da torre de Hércules, arbores en Tiburido, Maceda, e unha fiestra de Bustavalle, Ourense. Hai contadas presenzas humanas nas paisaxes, sendo de salientar unha figura solitaria da Calzada do Xigante, Irlanda, co basalto Patrimonio da Humanidade. Outras son presentidas, a da caseta de observación animal en Biedermannsdorf (Austria) ou o espazo baleiro dun invernadoiro con mobiliario no château de la Bussière. Tenro o acto tres, que lembra a ausencia da súa nai ante a ventá “asomada como facías sempre de mañá-cedo”. E máis sendo como somos seres de luz.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
VUELOS CANCELADOS
Estudiantes ourensanas, sin billete de vuelta desde Argentina
ANÁLISIS DEL ENCUENTRO
El Arenteiro supera a un Estradense que no encontró el camino (1-2)
JORNADA FORMATIVA
La pizarra muestra sus ventajas a futuros arquitectos en Valdeorras