Aptos para o partido, inútiles para Ourense

Publicado: 10 sep 2026 - 05:55
David Alvarado
David Alvarado | La Región

Hai xa algunhas semanas, nas páxinas deste xornal informábase do peche dunha escola infantil da provincia que afrontaba o vindeiro curso cunha única matrícula. No anterior, 2025-2026, xa se salvara in extremis con apenas cinco alumnos, o mínimo esixido pola Xunta de Galicia para manter o centro aberto. Unha escola non son só aulas nin unha cifra nunha estatística. É un servizo esencial que facilita a conciliación, crea comunidade e decide se as familias con nenos fican ou marchan. O peche certifica o declive, pero tamén o acelera ao restar atractivo residencial ao municipio. E non falamos dun territorio condenado pola distancia. Na mesma contorna metropolitana, a poucos quilómetros, outros concellos gañaron centos de nenos nos últimos anos atraendo familias con emprego, vivenda, conciliación e servizos. O fechamento non fala só da escaseza de nenos. Obriga a preguntarse pola política que faltou.

O rexedor do municipio afectado non representa unha excepción dentro da súa especie: dos que non gasta o cartafol e lle tolea a lingua, sempre co paso cambiado, gris e apoucado. Un perfil ideal para o aparato partidario que o enxalzou até o secretariado provincial tras gañar unhas primarias pola mínima, no medio dunha fonda división interna. Na súa proclamación comprometíase a “reverter o problema do despoboamento”, traballar polo “acceso á vivenda”, o “transporte digno” e a “conectividade”, e conseguir que “nacer nun pequeno concello non sexa sinónimo de ter menos oportunidades”. Compromisos coherentes cun proxecto progresista e directamente aplicables ao concello que rexe desde 2019. O problema é a distancia entre as prioridades declaradas e unha acción de goberno sen un proxecto recoñecible, capaz, continuado e coherente para afrontalas.

Alternativas existen. A OCDE leva anos defendendo as place-based policies adaptadas ás condicións de cada territorio, mentres Leader financia iniciativas construídas desde o medio rural e o Estado mantén programas específicos contra o despoboamento. Experiencias como “Pueblos Vivos”, en Aragón, combinan aloxamento, emprego, acompañamento e integración para atraer novos residentes. Outros municipios empregaron fondos europeos para crear servizos de atención infantil que facilitan a permanencia das familias. Son fitos dun amplo repertorio de políticas que inclúe mobilidade, conciliación, acollida, dinamización económica ou recuperación de patrimonio. Un municipio pequeno non pode agardar a que as solucións cheguen. Gobernar consiste en pensar alternativas, procurar financiamento, cooperar con outras administracións, integrar redes máis amplas e atopar parceiros. Deputación, Xunta, Estado e Unión Europea ofrecen recursos que unha administración con iniciativa ten que saber mobilizar.

Certo que este tipo de medidas producen resultados lentos e a política contemporánea recompensa nomeadamente o inmediato. Jonathan Boston, referente no estudo da gobernanza de longo prazo e intereses das xeracións futuras, denomina “miopía democrática” á tendencia a privilexiar beneficios presentes fronte a necesidades colectivas futuras. O despoboamento esixe precisamente o contrario: investir hoxe, perseverar durante anos e aceptar que os resultados poden chegar noutro mandato. Ese curtopracismo afecta tamén á esquerda cando substitúe transformación por rédito electoral de campaña. A comunicación preséntase como sucedáneo. Actos, vídeos, visitas e anuncios ofrecen aparencia de actividade, pero sen continuidade nin coherencia, improvisando ao fío do momento, dos titulares ou do que fagan os demais. Sen diagnóstico, prioridades, recursos, execución e avaliación, a comunicación deixa de explicar a política e acaba ocupando o seu lugar.

Cando docilidade e fidelidade ao aparato prevalecen sobre coñecemento, autonomía, talento e capacidade para pensar, deseñar e executar políticas públicas, prosperan dirixentes eficaces para sobrevivir na organización, pero incapaces de transformar a realidade que gobernan

Á cidadanía non debería resultarlle indiferente quen chega a gobernar. Audrey Vandeleene, especialista na selección de candidatos e funcionamento dos partidos, estudou como as organizacións deben conciliar unidade interna, rendemento electoral e competencia para desenvolver políticas. A súa investigación amosa que, cando eses obxectivos entran en conflito, a competencia individual adoita pesar menos que a lealdade partidaria ou a capacidade electoral. Non explica por si soa o socialismo ourensán, pero identifica unha tensión recoñecible. Cando docilidade e fidelidade ao aparato prevalecen sobre coñecemento, autonomía, talento e capacidade para pensar, deseñar e executar políticas públicas, prosperan dirixentes eficaces para sobrevivir na organización, pero incapaces de transformar a realidade que gobernan. Gañar unhas primarias ou controlar unha estrutura acredita habilidade orgánica e, sobre todo, a aquiescencia da dirección. Transformar un territorio require bastante máis.

O peche da devandita escola nun concello da comarca capitalina abre unha cuestión ben máis ampla sobre o socialismo ourensán. Nunha provincia en declive, un proxecto que se pretende progresista debería distinguirse non só pola aparencia do discurso e xestos comunicativos, senón pola maneira de exercer o poder. Vivenda, mobilidade, conciliación, transición enerxética, integración da inmigración ou resposta ao despoboamento ofrecen ámbitos suficientes para acreditalo. A pregunta pertinente é en que se diferencia, na práctica, un concello administrado pola esquerda doutro no que rexe dereita e que valor engadido verificable produce esa diferenza. Se os principios non se traducen en prioridades orzamentarias, políticas sostidas e resultados avaliables, a identidade ideolóxica queda reducida á etiqueta. Gobernar ten que significar transformar, non administrar o declive. O aparato ocupa entón o lugar do proxecto e a comunicación, o da política. E cando a política se reduce a manterse no poleiro, o que non sobrevive son as escolas.

Contenido patrocinado

stats