Aqueles veráns no Barbaña

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 19 ago 2026 - 01:10
La Región

Cada tempo trae os seus recordos. Cada estación as súas lembranzas. E como se fose unha cantinela que ano tras ano repítese, hoxe toca falar daqueles veráns. Nestes días onde un calor tan esaxerado e resulta case imposibel de aturar, esquecerse dun tempo que xa queda lonxe, pero que aínda esta vivo na retina de moitos seixalbeses e ourensáns, é perder unha boa referncia. Pois é tanto como perder a consciencia do vivido. Corría a década do sesenta do século pasado, e os adolescentes e mozos xunto cos maiores, todos camiñábamos pola estreita, hoxe rúa do muíño, cara a que nos lle chamabamos a Presa Grande. Aquelo era algo máis ca unha presa que viña de moi antigo e que nutría de auga a un Muíño. No Barbaña había moitas máis desas, pero esta era a máis grande. E nese encoro xunto, cos veciños de San Cibrao, bañabámonos naquelas augas limpas e cristaíñas. Da marxe esquerda estaban as mozas do veciño concello. Todas facendo gala de poucas amizades e moitas veces lendo un libro, pois semellaban moi cultas. Da outra marxe estábamos o veciños de Seixalbo todos facendo barullo e tirándonos de cabeza dende uns penedos e dun camoarouzo medio desfeito. Como dixen, era esa presa xunto coa do Pombar Vello que estaba perto do que hoxe é o barrio de Porteiro, as nosas piscinas naturais para o verán. Pois aínda non se fixeran as de Oira no Miño.

Daquelas, non houbo nin protestas nin reivindicacións. Todo valía con tal de fuxir da miseria e o estancamento da economía no franquismo

O certo é que aquelas augas cristaíñas cheas de vida, onde os maiores ían facer secas pra coller os peixes e troitas, comezaron a vir cheas de escuma e a cheirar mal. Xunto a esa merda toda foron aparecendo os peixes mortos e, como consecuencia nós deixamos de bañarnos neses nosos pequenos encoros. Iso aconteceu coa chegada dos vertidos do nacente polígono industrial de San Cibrao. Daquelas, non houbo nin protestas nin reivindicacións. Todo valía con tal de fuxir da miseria e o estancamento da economía no franquismo. A xente quería traballar pois os cartos facían moita falla dado que eran tempos de emigración e de moita necesidade. Andando no tempo, no ano 1986 a Asociación Veciñal San Breixo comezou unha campaña denunciando que os vertidos que viñan de dous colectores e saian en Ponte Noalla eran os causantes de toda a merda que polo rio baixaba. Viñan do polígono mentado. Por tal motivo a directiva da asociación asistiu a un pleno no concello de San Cibrán onde a alcaldesa deunos unha nova na que dicía: que o conselleiro Xosé Cuíña anunciaba que se faría unha depuradora pra mellorar a situación do río. Como asociación seguimos coas denuncias e coa nosa teima de salvar o río. E cando se fixo a mentada depuradora informóusenos de que soamente quitaba os sólidos. Tamén de que pra facer unha total depuración había que, ou ampliar a que xa estaba, ou facer outra nova estación. Por aqueles anos antes do sinalado, cando era alcalde o Sr. López Iglesias, corría pola cidade a proposta de tapar o río no tramo urbano, cousa que sería condenalo a ser sempre unha cloaca. Mais con moito acerto, non se fixo esa barbaridade. E despois naceron os paseos e canalización e o Barbaña, e en certa medida o río recuperouse para os ourensás. Con todo, queda no recordo de moita xente, como era o río e como hoxe está. E non cabe ningunha dúbida de que o Barbaña foi, e segue a ser, un río maltratado que sufriu o desleixo dos ourensás. Desleixo que nas coplas daqueles anos dos maios denunciaban con con certa mofa a situación desta canle natural.

A día de hoxe a organización chamada Ríos Limpos segue na loita á espera de que se fagan realidade novas inversións que melloren a súa situación. Mentres, na memoria de moitos veciños e de moitos cidadáns desta vella Auria, aínda están vivas as imaxes daquel río que estaba vivo e que cando se pare de verter nel, volverá a ter vida como antano. Ben sei que esas foron as consecuencias dese progreso que chegou nun tempo de miseria e que, por tal motivo, a sociedade calou e as autoridades miraron para outro lado. Con todo os recordos son unha luz para os máis novos que descoñecen como era a nosa piscina natural na que nos divertíamos e fuxíamos do calores do verán. Polo que descoñecer o pasado e esquecelo lévanos a ser uns ignorantes no presente e, en certa medida, non atinar de como será o noso futuro se non tomamos medidas correctoras.

Contenido patrocinado

stats