Arqueoloxía e saberes científicos

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 19 jul 2025 - 01:10

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A arqueoloxía busca a reconstrución das sociedades do pasado a través dos restos materiais que se conservaron. Pero a súa realidade é complexa. Idealmente a “reconstrución” atende todos os aspectos dunha sociedade antiga: onde e de que vivían?, cal era o seu territorio?, e os poboados ou cidades?, cal era a organización social?, cales as súas crenzas?, e así, un inacabable etcétera.

Pero as limitacións son grandes. Na maioría das ocasións só podemos achegarnos a aspectos concretos da “cultura material” dun pobo. Todo o que a arqueoloxía poida revivir del débese a unha elaboración teórica sustentada en métodos que o saber académico recoñece como válidos. É, e polo tanto, un método contrastado de reconstrución histórica. Poñamos un exemplo: cando escavamos un monumento megalítico, buscamos as características técnicas e mecánicas dos materiais, basicamente rochas e terra; como os seleccionaban; como construían o dolmen para que permanecera en pé tantos milenios; por que o emprazaban nese lugar e non noutro, etc. En consecuencia, somos enormemente debedores -entre outras disciplinas científicas e coñecementos técnicos-, da xeoloxía, da petrografía, da edafoloxía, da arquitectura ou da xeografía física. Pero os obxectivos non rematan coa resposta ás cuestións anteriores. Tamén queremos saber quen e por que os ergueron, cando e de que vivían, cales eran as súas crenzas ou por que aparecen precisamente nuns momentos históricos e non noutros. É imprescindible, entón, botar man da antropoloxía cultural, das disciplinas paleoambientais -palinoloxía, zooloxía, etc.- da antropoloxía física, dos métodos de datación absoluta -carbono 14, termoluminiscencia, dendrocronoloxía, etc.- e relativa -estratigrafía, tipoloxía...-, e incluso da paleoastronomía, por citar recursos que ás veces utiliza a arqueoloxía e son pouco coñecidos, mesmo insospeitados, polo público. Tomei o exemplo dunha sociedade prehistórica que construía dolmens, cuns sete milenios de antigüidade e organización social pouco complexa. Pero a arqueoloxía clásica estuda pobos históricos -Roma, Grecia, Exipto, Mesopotamia, etc.- auténticas civilizacións urbanas con estruturas sociais moi complexas: imaxinen os restos materiais que xeraron -edificacións ou obxectos, por exemplo- ou o intricado das súas relación sociais, comerciais e políticas, tanto en cada unha delas, como con outros pobos coetáneos, algúns aínda prehistóricos. En consecuencia, tamén ha ser moi extensa a formación do arqueólogo, independentemente da necesaria especialización que cada un vai acadando. E dado que a arqueoloxía debe de ter en conta o medio ambiente no que se desenvolveron os pobos, atenderá tanto aos “artefactos” -obxectos ou edificacións creados polo ser humano- como aos “ecofactos” -elementos naturais que inciden na vida tamén humana-, o que conduce á arqueoloxía a relacionarse continuamente con científicos de todas as disciplinas, buscando o dato onde estea, sexa cal sexa a metodoloxía necesaria.

Pero os obxectivos non rematan coa resposta ás cuestións anteriores. Tamén queremos saber quen e por que os ergueron, cando e de que vivían, cales eran as súas crenzas ou por que aparecen precisamente nuns momentos históricos e non noutros. É imprescindible, entón, botar man da antropoloxía cultural, das disciplinas paleoambientais -palinoloxía, zooloxía, etc.-

Na década de 1980, D. Brothwell e E. Higgs vían nos arqueólogos a “tendencia crecente a substituir as estimacións e medición cualitativas polas cuantitativas“. A arqueoloxía tamén necesita analizar -”medir e contar”-, base indispensable do rexistro arqueolóxico, que transforma os vestixios do pasado, estean onde estean e sexan da natureza que sexan -puntas de frecha, grans de pole, ladrillos romanos, osos de bisonte, cerámicas e un extenso etcétera-, en datos que permiten construír teorías. Dende este punto de vista, o arqueólogo case actuaría como un director de orquestra ou un compositor musical. Os dous saben en cada momento que instrumento debe intervir e a forma correcta de facelo para que a melodía final teña a calidade necesaria, independentemente que non os toquen todos. Pero iso non resta valor ao seu traballo, o mesmo que o médico precisa dos laboratorios para analíticas que lle permitan diagnosticar con precisión e dar co remedio axeitado. Eles están a coordinar o proceso, independentemente das consultas técnicas externas necesarias para resolver cada un dos pasos. Igual que o arqueólogo nunha escavación, acudindo ás disciplinas e profesionais idóneos para conseguir o obxectivo final: a reconstrución do pasado. Sempre, claro está, que os recursos económicos llo permitan.

Contenido patrocinado

stats