Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
El oficio de aplaudir al presidente
CASTELLUM HONESTI
Hai unha manchea de anos, escoitei dicir a un antigo prócer da dereita galeguista en Ourense que “a política é a arte de facer posible o que é necesario”. Fose consciente ou non, con esta formulación Victorino Núñez semellaba ampliar, coma fixeron outros, aqueloutra cita atribuída a Otto von Bismarck -o “Chanceler de ferro”-, que substanciaba o cerne da súa realpolitik, caracterizado polo seu pragmatismo e posibilismo. Pois ben, hoxe quero falar dos fundamentos teóricos do posíbel e o necesario da política.
Eu entendo que, na súa esencia máis pura, a política é unha ferramenta necesaria para ordena-la convivencia humana sen atentar contra a autonomía das persoas. Máis polo miúdo, constitúe o instrumento acaído para que a sociedade atope un equilibrio harmónico entre a liberdade, a responsabilidade, a orde e a participación, que nos permita desenvolvernos plenamente e nos evite sermos pasto do Leviatán, en calquera das súas modalidades: tanto do individualismo absoluto e egoísta como da opresión dun poder, o Estado xendarme, que nos converta en simples números.
Por iso, como conservador sempre defendín que esta arte emana da natureza social dun home que decidiu non vivir illado do resto do mundo e asociarse; é dicir, que apostou por non ser unha rocha chantada na metade dun océano infinito e si un ser ligado ós demais mediante vínculos históricos, culturais e mesmo morais, por mor de satisfacer con seguridade as súas necesidades e aspiracións vitais. De aí deriva a miña idea de que a política non debe reducirse á administración fría das institucións nin á cuadriculada xestión técnica, tan sequera a un combate permanente polo poder; pola contra, ten que estar vencellada -dende o realismo mais puro e a través da conversa continua-, á sociedade que representa, ós seus intereses xerais, á súa identidade, ás súas tradicións e á súa cultura. Ó mesmo tempo, debe xera-lo ambiente imprescindíbel para que cada quen desenvolva o seu proxecto particular de vida en paz. Esa é, na miña opinión, a súa verdadeira razón de ser.
Concibida deste xeito, a liberdade constitúe un dos fundamentos centrais da acción política. Unha liberdade que, lonxe de ser abstracta e ilimitada, poida exercerse dentro dun marco común onde sexa posíbel a convivencia -aquí entra en xogo o concepto da orde-, mediante o establecemento de límites xustos e proporcionados que fagan doado construír unha sociedade cohesionada na que cada quen, como xa dixen, poida desenvolver plenamente a súa vida e ser feliz. Unha política que protexa esa liberdade e esa convivencia a través de fomenta-la participación activa das persoas na vida colectiva, demostrando que a sociedade é un organismo vivo, capaz de auto analizarse, de reformarse e de evolucionar, co gallo de substanciar, como realidade dinámica, un proxecto suxestivo de todos e para todos.
Coma contrapartida, a responsabilidade eríxese tamén nun dos elementos fundamentais da política por que é unha compañeira inseparábel da liberdade. Neste sentido, coido que a vida en común, sexa da natureza que for, require termos conciencia clara dos límites establecidos, da obriga de respecta-los dereitos e liberdades dos demais e, finalmente, dunha comprensión profunda de que a convivencia precisa da vontade tácita de conxuga-las aspiracións particulares co interese xeral.
En definitiva, a política pode entenderse como a arte de organiza-la convivencia da comunidade mediante o mantemento dun equilibrio permanente entre a liberdade, a participación, a orde e a responsabilidade. Dende esta perspectiva, a súa finalidade última non é outra que garantir que as persoas poidamos vivir e desenvolvernos como seres libres dentro dunha sociedade cohesionada, consciente de si mesma e capaz de decidi-lo seu destino. Só así, pódese afirmar que a política está preparada para, como afirmaba aquel prócer ourensán, facer posíbel o que é necesario.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
El oficio de aplaudir al presidente
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
Ars política
Rosendo Luis Fernández
Este (des)gobernar requiere justicia
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
La sorpresa de Meloni
Lo último