Arte con libros de Baldo Ramos con Pepe Cáccamo a Jonathan Notario

ARTE ET ALIA

Publicado: 13 oct 2025 - 05:10

De Ramos, homenaxe a Vicente Aleixandre.
De Ramos, homenaxe a Vicente Aleixandre.

Unha homenaxe sentida, elaborada e densa, a que ofrecen na Casa dos Poetas de Celanova Baldo Ramos (Celanova 1971) e Pepe Cáccamo (Vigo 1950), amigos e tamén poetas. Eis Criptografías unha mostra baseada en dez libros-obxecto e dedicada a Celso Emilio Ferreiro Míguez (Celanova 1912 / Vigo, 1979), escritor comprometido e poeta social. Nela fan de barqueiros nas augas expresivas do gran poeta, polas que navegan e comparten a súa escolla e visión. Un exercicio a catro mans de poesía visual sobre a palabra poética no libro como soporte plástico, coa amizade nun lado da balanza e na outra o coñecemento da obra lida e decantada nos seus padales. No caso de Ramos con arabescos tanto no debuxo como na escrita de trazos afiados cal pico ibis de Thot, deus exipcio do coñecemento, engadindo colaxe e pigmentos pictóricos. Así tamén no recente diploma a Sarabela teatro. Cáccamo prefire o equilibrio das composicións, e o sosego, con textos en tiras mecanógrafas nos poemas elixidos, como Soldado con fragmentos do Guernica ou Cantiga de amigo para Xoán Miró, e Formentor, poemas publicados por Camilo José Cela na revista Papeles de Son Armadans a mediados do pasado século. E ámbolos traballando en formato de libro aberto, tal como se dun cadro se tratase, obras que se amosan nos corredores e cuartos da casa-museo. Son singraduras que levan feito varios lustros, caso de CaRa inversa, 2014; Libros conversos, 2016, ou A dobre páxina, 2018, excelente proposta plástica e visual dende os libros de vello, pontes comprensivas. Nesta ágora os “criptopoetas” séntense andoriñas, paxaros con fama de protectores xa dende Roma.

Vamos, un sentimento de que está a pisar unha nova terra estética, un descubrir unha linguaxe na súa traxectoria. O tempo falará. Son, os tres, camiños dende o libro.

Encontro de J. Notario cunha enciclopedia

O artista leonés visita de novo en Ourense a galería de arte Marisa Marimón, que co-dirixe nos últimos tempos a súa filla Nuria Pereira, inaugurando a tempada nas salas da Asociación de Arte Contemporánea de Galicia, á que pertence. Desta volta o seu dicir plástico inspírase en Las maravillas del saber, desenvolvendo unha praxe pictórica que toma de base páxinas dunha coñecida enciclopedia que tiñan os seus pais na casa, obra dos anos setenta para facer historias mesturando colaxe e pintura, ademais de aerosol, unha narrativa aberta á impresión dixital que encaixa coa súa paixón polas imaxes retro e vintaxe da cultura popular da segunda metade do pasado século. Dende o dragón en políptico de tres metros a outras obras en mediano e pequeno formato, Jonathan abandona a liña que viña facendo pintada, e aborda con empeño esta empresa de mestizaxe de materiais e técnicas, utilizando a táboa como soporte. Segundo comentou, pintou ao comezo nas páxinas, como adoitabamos facelo nós nas clases cando adolescentes, máis para o artista foi o inicio da apropiación cultural das ilustracións, que o levou a o resultado que se amosa en sala, e que supuxo para el unha ampliación do seu imaxinario iconográfico. Vamos, un sentimento de que está a pisar unha nova terra estética, un descubrir unha linguaxe na súa traxectoria. O tempo falará. Son, os tres, camiños dende o libro.

Contenido patrocinado

stats