José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
“Señor das moscas”, de William Golding
As ideas moven o mundo, mais antes transfórmanse en sentimentos. Gustave le Bon.
A rturo Baltar ten un corazón tan grande que non lle cabe na arca do peito. De maneira que se vai ramificando e chégalle até as xemas dos dedos das mans, depositarios dunha especial sensibilidade e dunha enxurrada de emocións. Co poder dun demiúrgo, enfróntase ao devalar existencial para que a vida fique detida na beleza artística do barro do que todos estamos feitos.
As fascinantes creacións de Arturo Baltar son expresións da intensa paixón do artista polo universo que o rodea e agarima. Combinación de románico e barroco, os dous estilos que mellor vesten a alma artística do noso pobo. A delicadeza e autenticidade das figuras humanas, nas que salienta a grande expresividade de boca e ollos, dispostas as máis das veces en escenas ateigadas de vida e de trebellos, con vistosa policromía de ocres, amarelos e verdes (as cores da terra e da vida), como na marabilla da escena que reproduce o extraordinario mercado das olas, microcosmos popular a onde veñen confluír pesares e ilusións. Arturo fai realidade o pensamento do sabio Otero Pedrayo a respecto do mundo campesiño: o pobo galego gusta de dispor a realidade en forma de retábulo, en harmoniosa escenografía.
Nada lle resulta indiferente ao creador. No seu inxente repertorio, hai sentida devoción pola muller: o amor materno-filial (humano ou divino), cargado de dozura e amparo, anima innúmeras figuras e grupos humanos, ora en forma de esculturas, ora en forma de relevos. A escena-retablo da matanza dos inocentes presenta a crueldade da traxedia nos rostros desencaixados das nais ao veren os fillos mortos e nas árbores atormentadas, testemuñas impotentes do sufrimento maternal. A relixiosidade popular maniféstase maxistralmente na escena-retablo do enterro, co recollemento fervoroso das persoas que se axeonllan ao paso do cortexo fúnebre e coa admiración temerosa nos ollos dos nenos que se acubillan en fiestras e corredores ou no relevo que representa as ánimas do purgatorio. E tamén nas pequenas figuras ou relevos de virxes e santos, obxecto do fervor da xente humilde, así como nas múltiplas escenas que recrean a vida de Xesús e a Virxe, con elementos da nosa arquitectura popular e con personaxes que nos resultan moi familiares. O corazón do artista, bondadoso, é morada agarimosa para todos os desherdados e abandonados do mundo: mulleres e homes que imploran misericordia ou demandan xustiza, os pobres de pedir que andan de porta en porta, os vellos desvalidos e impedidos que agardan a xenerosidade, os nenos esfameados que tremen de frío, os cegos cos seus cantares e cartaces, os xitanos ambulantes co número da cabra, etc. O creador goza coa ledicia da vendima e da feira, cos labores do liño e coa troula sensual do Entroido; coa conversa amena e instrutiva de afiadores e oleiros, de zapateiros e canteiros, continuadores dos vellos oficios; coa fantasía dos que traen espectáculos doutras terras; coa calor da taberna da aldea, onde se afogan mágoas e fatigas; coa luz da botica e a rebotica, que garda os maiores segredos; coa poderosa atracción do café-cantante, que sementa tentacións en todas as olladas e fai voar a alma.
O escritor francés Antoine de Saint-Exupèry fai do sentimento o eixo temático da alfaia literaria O Principiño: Soamente se ve ben co corazón. O esencial é invisíbel para os ollos.
Do paraíso de Cachamuíña, onde o artista esconxura o desalento, veñen sons e imaxes portadoras de acougo que se mesturan coa luz de misticismo que ilumina toda a escenografía. As uvas e mazás penduradas do faiado para o deleite do inverno avivan as emocións da infancia afastada, mais eterna.
Exquisita marabilla íntima da humanidade, que ha proxectar Ourense no mundo, a obra artística de Arturo Baltar descóbrenos a grandeza do miúdo, á medida do noso ollar, ateigado de sentimento, que nos reconcilia coa auténtica dimensión da condición humana.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
“Señor das moscas”, de William Golding
Patricia López
BRÚJULA DIGITAL
No falta trabajo, falta quien quiera sostenerlo (en las condiciones de siempre)
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Solo quedó el silencio
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
O rumor da quietude
Lo último
QUINTA COMUNIDAD CON MÁS LETRADOS
La demanda de justicia gratuita aumentó un 4,8% en Galicia en 2025
VICTORIA HISTÓRICA
El Antela hace historia y asciende a Tercera Federación (0(4)- 0(5))
CUARTO FICHAJE
El COB sube de nivel con el fichaje del base Toms Leimanis