Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Sempre respectable
Paseaba pola Burgas, co desfrute da súa reconfortante calidez e respirando o vapor que emana o Fervedoiro, xunto á decimonónica e monumental Burga de Abaixo. Dirixinme á Burga Pequena ou Burga de Arriba, do s. XVII. E aí seguen, incansables, regalándonos a auga milagreira, igual que veñen facendo século a século. As investigacións arqueolóxicas dinnos que impulsaron o nacemento de Ourense, proporcionando un poderoso motivo simbólico que, xunto coa condición do val de nó de comunicacións, as veciñas explotacións auríferas, ou agarimado e fértil veiga do Barbaña, regalaban aos primixenios ourensáns as poderosas virtudes curandeiras nun santuario edificado por Roma na honra dun deus indíxena prerromano que, aínda verificado noutros sitios arqueolóxicos do occidente hispano, case podémolo considerar da casa.
Os ourensáns, xeración tras xeración, vémonos incapaces de dar un uso digno ás augas
É Revve Anababaraego, que residía nos mananciais. No século I d. C., o da Burga de Arriba nutría a piscina do edificio onde se practicaron rituais de curación baixo a súa advocación. Son pois, augas quentes, augas menciñeiras. Pero a suma das dúas cualidades derivou nunha categoría superior: augas sagradas. Nada menos que augas sacralizadas presentes no nacemento da nosa urbe. Primeiro Revve Anabaraego, cuxo nome está gravado en seis altares -aras- alí descubertos. Despois as romanas Ninfas, que ben coñecen pola dedicatoria doutra ara que nos legou a celebérrima Calpurnia Abana. E como non, a tradición que explica as cualidades medicinais porque manan dos pés do Santo Cristo da catedral. Deparen, Revve Anabarego, as Ninfas e o propio Xesús sacralizan unhas augas que todos os días brotan e, con apenas utilidade -agás encher a piscina do Pavillón Municipal de Deportes- marchan para o Barbaña. Déixenme que cite -como fago tantas veces- a Cuevillas, porque aínda sen el coñecer as escavacións arqueolóxicas recentes que resaltan máis a importancia das Burgas, escribiu en 1969 en La Región un texto que deveu profético: “Hay ciudades que se organizan alrededor de un núcleo, que muchas veces es un santuario, matriz y corazón al mismo tiempo, y que se desarrollan y crecen en zonas concéntricas como los troncos de los árboles, pero hay otras, en cambio, que dejan a un lado, desde muy temprano, su trivial punto de origen. Santiago, nacido y apiñado en torno al sepulcro del Santo Apóstol, es un claro ejemplo de las ciudades del primer tipo, y en el segundo encaja perfectamente nuestro Ourense, nacido en las calientes aguas de las Burgas, vuelto pronto de espaldas a ellas”. E así parece ser. Os ourensáns, xeración tras xeración, vémonos incapaces de dar un uso digno ás augas. Dende que cheguei a Ourense, cando as Burgas era un lugar marxinal, houbo intentos loables, acaso tímidos e pouco frutuosos. Ano tras ano fálase de termalismo como motor de desenvolvemento buscando ideas e alternativas, como a sanitaria, ou a turística de ocio. Grazas aos que o intentan. A arqueoloxía xa contribuíu, revelando un pasado que nos dota dun prestixioso caché termal.
Continuei o paseo. Mollei o rostro e a auga antollóuseme salgada, distinta doutras veces. Incluso os canos das fontes parecían facer un ruído diferente, entrecortado, semellante a un pranto afogado. Se non foi un soño, debeu ocorrer así: eran as Burgas transformadas nas bágoas de Revve Anabaraego, chorando por un Ourense que lle da as costas á auga.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último