As expectativas

TÍA MANUELA

Publicado: 20 may 2026 - 01:10 Actualizado: 20 may 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Tiña ansia de que fose un bo ano, que nevara no seu tempo, que chovera, cando vai ben que chova, que as xeadas non viñeran a destempo e que todo e todos foran polo rego, dereitiño cara o éxito da temporada. E, detrás dunha temporada, outra. Ela quería que tódalas temporadas fosen boas e, xa que logo, frutíferas, quentes e saudables. Na política tamén hai temporadas, expectativas, gañadores e perdedores. Neste caso non hai empates, nin “dous máis dous” son obrigatoriamente catro. Actualmente, é difícil de entender as reaccións daquelas persoas que andan na política profesional, independentemente da súa ideoloxía ou da ideoloxía da formación á que pertenza.

O Paco do Pereiró presumía da súa leira, situada no medio do agro das Gralleiras. Era a mellor en todo, a máis húmida, na que mellor se secaba o centeo, a máis sombría, cando cumpría a sombra, e máis sollía, cando se apreciaban as raiolas do sol. As lindeiras tiñan peor terra e eran menos produtivas, aínda que votar, sempre votaba ao mellor. Se o veciño votaba ao mesmo partido, o seu voto, aínda así, era mellor. A deus grazas¡

Na contenda electoral hai perdedores que ganan e ganadores que non alcanzan a cúspide. E tamén hai ganadores entre os perdedores. Os discursos de interpretación da xornada electoral, e dos resultados da mesma, convértense nunha evidencia de que hai quen “fala por falar” e de que moitos non saben calar. Todos queren ganar e ganan. Incluso os que perden, calan.

De ganar por maioría podemos poñer en Galicia tres exemplos singulares, Pedrafita do Cebreiro, Beariz e Verea. Nos dous primeiros, tódolos concelleiros electos eran da mesma candidatura, do PSdeG e do PP, respectivamente. En Verea, tódolos membros da corporación municipal eran do Bloque. Aquí, neste concello das terras de Celanova, os resultados cumpriron ou non coas expectativas?

Ao parecer é importante agardar e, aínda máis importante, saber agardar, sen perder nunca a esperanza de avanzar continuadamente, de camiñar e de chegar. Cómpre buscar metas compartidas e, como di a Tía Manuela, procuralas e acadalas, collidos da man. Con tódalas mans unidades e con tódalas voces berrando: liberdade. Aí é onde se colocan as expectativas, no saber estar e en ser libres, para escoller a verea e andar confiadamente por ela.

Contenido patrocinado

stats