Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
El palco de Florentino
TRIBUNA
A laudatio que pronunciei o sábado en Parada de Sil co gallo da homenaxe ó catedrático ourensán -amigo, compañeiro e mestre-, Francisco Javier Carballo García, derivou para min en algo máis ca un simple exercicio de oratoria institucional. Confeso que, cando recibín a proposta, sentín unha emoción difícil de explicar; non só pola responsabilidade de poñer palabras ó recoñecemento a unha traxectoria brillante, tan sequera pola sentida amizade que me liga a Javier. Había algo máis íntimo e fondo, máis persoal: a conciencia de que aquel acto se desenvolvía nunha terra que tamén forma parte da miña historia.
Parada de Sil non é un lugar alleo ó meu mapa vital. A ligazón familiar coa aldea de Castro -ó pé da Cividade-, converte este territorio nun espazo do meu respecto, agarimo e devoción. Consonte a isto, mentres preparaba a intervención, entendín que aquela homenaxe non podía limitarse a unha fría enumeración de méritos académicos, premios ou cargos; por que, detrás da figura do científico, do catedrático e do investigador, existe unha arquitectura humana de máis calado, algo que só se comprende dende a idea da estirpe, da herdanza moral e da fidelidade ás raíces.
Na busca dunha saída ó labirinto do Minotauro no que me atopaba, foi a dedicatoria de Javier ó seu pai, pronunciada no seu ingreso na Academia das Ciencias Veterinarias de Galicia, a que me axudou a atopa-lo fío condutor do discurso. Naquelas palabras aparecían dúas expresións que me impactaron: “rectitude” e “devoción pola familia”. Entón, comprendín que estaba diante da clave interpretativa dunha vida enteira; por que se ben hai persoas cuxa biografía pode resumirse nun currículo brillante, noutros casos -entre eles, Javier-, hai unha coherencia íntima entre o recibido e a obra propia construída ó longo do tempo.
Mentres redactaba, lembrei a Otero Pedrayo e aquela idea do “fondo de estirpe” no que se labra o carácter, coa que se referiu a Cuevillas. Caín na conta de que a traxectoria de Javier Carballo responde a iso: á continuidade dunha herdanza silandeira que serve de substrato basal sobre o que cada persoa constrúe a súa propia individualidade. Pois ben, esa idea acompañoume durante toda a intervención e permitiume entende-lo sentido transcendente da súa vida profesional e humana.
Nado en Casa do Vento, nunha paisaxe marcada pola fondura dos canóns do Sil e a presenza maxestosa das serras de Cabeza de Manzaneda e San Mamede, Javier medrou nunha xeografía que semella deixar pegada nos que nacen nela. Sempre pensei que algo da austeridade granítica e mais da perseveranza heroica da Ribeira Sacra permaneceron na súa maneira de entende-la vida: o rigor no traballo, a disciplina asumida coma responsabilidade e unha forma teimuda de esforzo, afastada de toda exhibición.
Na súa biografía académica destacan unha brillante etapa na Facultade de Veterinaria leonesa, os premios extraordinarios, a docencia universitaria dende León até Ourense, a intensa actividade investigadora e a súa achega ó ámbito da microbioloxía e da tecnoloxía alimentarias. Mais, o realmente relevante -ó meu xuízo-, non son só os méritos acumulados, senón a naturalidade coa que sempre entendeu o traballo e o coñecemento: nunca como exhibición, insisto, senón coma servizo; xamais coma instrumento de soberbia, mais ben coma unha responsabilidade ética coa sociedade e coa terra da que procede.
Por iso, ó remata-la miña cativa achega laudatoria concluín que Parada de Sil non recoñecía só a un científico de prestixio internacional ou a un brillante catedrático universitario; homenaxeaba a un dos seus fillos. A alguén que medrou sen rachar nunca o fío invisíbel que nos liga ás orixes e ás persoas queridas; a alguén que, como o “carballo” do seu apelido, afundiu con forza as raíces na terra e foi quen de resisti-lo paso do tempo desde a rectitude, o esforzo e a fidelidade ós principios herdados.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
El palco de Florentino
Juan M. Casares
TRIBUNA
Javier Carballo; laudatio a un ourensán
Diego Ocampo
LA OPINIÓN
Zidek es un jugador versátil y con muy buena puntería
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Tomás Moro
Lo último
LA SALUD DE DORMIR
La mitad de los gallegos tiene problemas de sueño
LIDERAZGO TECNOLÓGICO
El Gobierno apuesta por una inversión masiva en ciencia