Juan José Feijóo
Marlaska, el impasible
DENDE SEIXO-ALBO
Eu subín a Vilanova pra ver que acontecía e topei con tanta xente e vin tanta algarabía, que pensei que noutros tempos, noutro século vivía. Escoitei tocar a gaita e cantar os alalás; vin bailar a xente moza e lembrei moitos oficios que xa quedaron atrás. Vin xente moi ben vestida, cós traxes tradicionais, e sentinme moi contento despois dun forte xantar. Eu subín a Vilanova para estar na Romaría e topei unha Galicia que lembra o seu pasado, que aínda está viva. Eu subín a ergueita torre e volvín pra casa ledo, matinando no presente neste tempo tan incerto. Neste tempo que ameaza con borrar de onde vimos, o que fomos e o idioma que sentimos. Eu subín a Vilanova, estiven na Romaría e atopeime tan contento que aturuxei de alegría.
Fago este comentario despois do Día das Letras Galegas e axiña bulen na miña mente un fato de lembranzas que lévanme a ollar, como se foxe hoxe mesmo, imaxes de tempos pasados cando andaba polos trinta anos. E despois de decatarme de como pasan e pesan as primaveras vividas, recordo cando en Seixalbo naceu e comezou a camiñar o grupo de danzas populares Castro Floxo. Tamén recordo cando este grupo marchou da rúa de Amendo para o que hoxe é a rúa Seixalbo, na casa dos Fernández Senra. Logo, o seu paso para a Deputación provincial e os ensaios nun edificio do antigo Hospital, nas Lagoas. Anos despois, o nacemento da Romaría Etnográfica Raigame, que xa vai pola 24 edición, pois a primeira que se montou foi no ano 2002.
Esta festa, que xunta milleiros de persoas que cantan, bailan e lembran un tempo moi distinto ó de hoxe, ten uns obxectivos moi concretos que se resumen en recuperar fitos do pasado, conservar as costumes desta terra así como promover o folclore e o idioma. Tamén lembrar e quitar á luz moitos oficios xa desaparecidos e, sobor de todo, eses que amosan esa rica artesanía que sae da mans da nosa xente. Si, desa xente traballadora que se buscaba a vida tecendo, ou na fragua mallando e modelando o ferro, ou a que o facía coas mans dándolle forma o barro e a pedra pra facer un santiño, unha cunca ou un botixo. Tamén topei unha festa onde o saúdo e a conversa son a base das relacións humanas. Onde se pode falar, pois a música que soa non impide a conversa, non hai amplificacións que abouxan. Unha festa que axuda a que medren as relacións que se tecen sen ter de por medio o balbordo e o ruído do decibelio festivo que tanto abonda na actualidade. En Vilanova, a festa é distinta, pois pretende lembrar un pasado que coas súas virtudes e defectos formou parte da nosa existencia como pobo. Ten, tamén, o obxectivo de lembrar a persoeiros da nosa cultura; homes senlleiros e ilustres que deixaron pegada na sociedade do momento e que hoxe son aínda un bo exemplo a seguir. Vilanova dos Infantes, que anos atrás foi concello independente de Celanova, coa súa Romaría é un exemplo que, ademais de servir pra divertirse e pasar un día moi ledo, reclama un modelo festivo que mestura tradición e cultura; que rescata un pasado e que nos fai ver como foi a vida das xeracións que nos precederon e das que, aínda que non o pareza, temos moito que aprender.
Pois ben, falando hai anos cun dos promotores desta festa, Xulio Fernández Senra, díxome: “Ás Administracións hai que proporlle proxectos”. E este foi un deles que comezou hai moitos anos e que foi tomando corpo. Hoxe é coñecido en toda Galicia e alén dela. Raigame xa consolidada é un ha festa que amosa unha Galicia distinta; unha que se sente orgullosa do seu pasado. Unha festa que proponnos un modelo distinto, unha festa cultural que lanza ó vento un modelo de galeguidade non excluínte na que a xente se sinta cómoda e sabe algo máis do noso pasado. En fin, despois de visitar Vilanova e sentirme moi ledo nesta xuntanza, quero deixar constancia de agradecemento e recordo para os fundadores do proxecto de Castro Floxo, proxecto que deu un froito co nacemento desta Romaría e lembrar ós irmáns Fernández Senra que co seu traballo e o de outros moitos colaboradores puxeron en marcha iniciativas que hoxe apadriñan varias institucións, como é o caso desta Romaría.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Juan José Feijóo
Marlaska, el impasible
Manuel Herminio Iglesias
DENDE SEIXO-ALBO
Raigame: algo máis que unha romaría
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
As expectativas
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
El palco de Florentino
Lo último
FINAL DE LA LIGA
Andrés González, un ourensano de Champions
GUERRA EN ORIENTE MEDIO
Trump afirma que Irán tiene “tiempo limitado” para pactar