Asfixian o noso sector lácteo

CADERNOS DA VIAXE

Publicado: 15 abr 2026 - 02:40
JOSÉ PAZ

O 31 de marzo último rematou a vixencia dos contratos de subministración de leite entre os produtores e as industrias lácteas. Dende o 1 de abril e até o 30 de xuño haberíanse negociar outros contratos entre produtores e industrias. Mais estas industrias xa actuaron, rexeitando manter os prezos anteriores e, aproveitando a vulnerabilidade dunhas unidades de produción que non poden ficar co leite sen recoller, impuxeron rebaixas medias de 0,08 euros/litro, seica meirande canto máis produción achega cada produtora, para os novos contratos, que rexerán entre o 1 de abril e o 31 de xullo de 2026.

Coinciden as persoas expertas, entre eles a veterinaria e deputada do BNG Ariadna Fernández e o presidente da Federación Rural Galega, Elías Somoza, que Galicia achega a rentes do 42% da produción láctea do Estado mais sufre da inestabilidade e crises recorrentes do mercado, máis graves arestora cando na nosa estrutura produtiva hai explotacións que venden uns 200.000 kgs/mes, que enfrontarán cada unha -só neste cuadrimestre- 64.000 euros de perdas aproximadas.

A produción de leite en Galicia é unha historia de acerto e bo suceso, en cantidade e calidade de produto e máis en tecnoloxía, mais o certo é que o valor engadido -a transformación en derivados de alta marxe- segue a ser capturado por multinacionais fóra do noso territorio. A nosa forza é produtiva e tecnolóxica, mais a nosa febleza é política e estrutural.

Dende o rigor xurídico, o que acontece neste abril de 2026 non é unha crise de mercado, senón unha fraude de lei tolerada. O artigo 9 da Lei estatal da Cadea Alimentaria é sistematicamente violado: a asimetría de poder permite que a industria láctea impoña contratos que ignoran o incremento real do IPRI e dos prezos de pensos e enerxía, moito máis importante dende a guerra de Oriente Medio. É dicir, que obrigan vender a prezos por debaixo do custo de produción, vulnerando a devandita lexislación.

Galicia produce cantidade e calidade de leite para un mercado estatal deficitario

O principio de equilibrio contractual é hoxe unha ficción xurídica. As Administracións estatal e galega practican unha deserción de funcións ao non actuar de oficio diante de prezos na orixe que son, claramente, unha venda a perdas agachada tras índices internacionais que non reflicten a realidade das granxas galegas, segundo confirma Elías Somoza (Fruga). Mentres, o Ministerio de Agricultura e a Xunta abéiranse en supostas enquisas sectoriais que falan de estabilidade, o SLG e máis a Fruga expoñen a verdade que os datos agregados agachan. Mentres no resto do Estado os descensos de abril son moderados, en Galicia aplícanse as reducións máis agresivas, por mor da nosa dependencia da primeira transformación (leite líquido e po), a que menos valor deixa e máis castiga ao produtor.

A parálise institucional é, en realidade, unha toma de partido pola industria. Pola banda da Xunta non fan máis ca rexistrar as queixas do sector, mentres permiten o desmantelamento do corazón económico do rural. A Xunta renunciou a construír un centro de decisión propio para non molestar ao oligopolio lácteo. Pola banda do Goberno do Estado desenvólvese un centralismo burocrático que ignora a especificidade galega. Ao tratar o leite como unha commodity máis e non como un sector estratéxico o Estado condena ás ganderías galegas ao axuste de custos das grandes superficies da distribución alimentaria. Para outros o beneficio, para este país o xurro.

Galicia produce cantidade e calidade de leite para un mercado estatal deficitario. Se recibimos os peores prezos é por mor dunha dinámica que só penaliza aos que máis e mellor producen. En realidade para nos o sector lácteo é fulcral, mais para o Estado é prescindíbel, pois que somos pouco máis do 5% da poboación e do 5,6% do PIB estatais.

Outravolta a solución é máis poder político para este país. A solución, como adoito, é a soberanía.

Contenido patrocinado

stats