Até cando abusaredes da nosa paciencia?

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 06 sep 2025 - 01:40

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

No ano 63 a.C., a república romana mostraba síntomas de esgotamento pola conflitividade social que medraba ó abeiro dun clima político de violencia e corrupción. O Senado e o pobo, outrora símbolos sagrados -SPQR-, vivían somerxidos nun sistema inestábel alimentado polas guerras no exterior e os intentos interiores dalgunhas quenllas por se facer co poder a través de subverte-los principios da orde establecida e, así, atentar contra a lexitimidade do goberno, alterando o sistema democrático. Neste ambiente irrespirábel, Marco Tulio Cicerón faise co consulado da cidade de Rómulo fronte á Lucio Serxio Catilina quen, co gallo de asalta-lo Senado e tomar pola forza aquilo que o sistema electivo lle negara, non aceptou o resultado e principiou unha conspiración apoiado no exército e nun abano de mentiras propagadas nas rúas. Nunha das mellores, para min, pezas da historia da oratoria política, Cicerón desmontou a conspiración. A primeira frase enunciada no pleno polo “homo novus” -Quousque tandem abutere Catilina patientia nostra?- úsase aínda hoxe en situacións de indignación, de cansazo e mais de exasperación, fronte a quen pretende leva-las cousas ó límite do humana e socialmente soportábel.

Galicia vén de padecer unha vaga de lumes que, xunto á do ano 2006, erixiuse na peor dos últimos vinte anos. Os galegos, nomeadamente os ourensáns, comprobamos con impotencia como unha actividade incendiaria sen precedentes nin escrúpulos -con moitas causas e explicacións, confesábeis ou non-, xerou unha situación de excepcionalidade que non só sobordou as capacidades dun dos mellores operativos de extinción, no humano e material, do estado español, senón que obrigou ó noso goberno a centra-los esforzos naquilo que constitúe a súa primeira función ó tempo que explica a súa razón de ser esencial: garanti-la protección da vida e as propiedades dos veciños.

Confeso con mágoa que, nestes días, as verbas iniciais da primeira Catilinaria viñeron á miña cabeza mentres vía, perplexo e indignado, como actuaban as redes de propagación da apocalipse

Paralelamente, case sen solución de continuidade, outra vaga de lumes entraba en acción. Refírome á provocada polos especialistas en leva-las cousas ó límite co gallo de obter un rédito político que eu coido, sinceramente, máis ca cuestionábel. Unha estratexia que non é de hoxe, nin de onte, tan sequera de hai un ano, senón que responde a unha pauta aprendida ó longo do tempo e que consiste en canaliza-lo suposto descontento social a través dunha trama de asociacións, plataformas e demais trebellos artificiais creados para a ocasión. E abofé que sei do que falo: vivino hai anos, cando Sogama; revivino durante o episodio negro do Prestige e lembreino hai dezaoito meses a conta da chegada dun vertido de pellets á nosa costa. Arestora, coma os leóns do Coliseo, ávidos de darse un festín a conta do ánimo martirizado dos galegos, e parapetados en perfís falsos nas redes sociais, lanzaron dende a trincheira da iniquidade unha batería de trolas e fakes coa fin e xerar cámaras de eco que, a forza de repeti-las mesmas ideas, sen contraste con opinións diferentes, buscaban crear na opinión pública un consenso que transformase en verdade o que non pasaba de ser un fato de mentiras repetidas.

Galicia conta cun goberno e un presidente lexítimos e eficientes; porén, penso que precisa tamén dunha oposición leal ós galegos no canto do grupo de quenllas ansiosas por obter un rédito político da súa desgraza que posúe. Confeso con mágoa que, nestes días, as verbas iniciais da primeira Catilinaria viñeron á miña cabeza mentres vía, perplexo e indignado, como actuaban as redes de propagación da apocalipse. E dou por certo que, malia os desleixados que queiman o noso e os pescadores de miserias no río revolto, o meu país non pode parar; Galicia non vai parar. Até cando, quenllas, abusaredes da nosa paciencia?

Contenido patrocinado

stats