Auga de limón, auga de trebón

Publicado: 23 jun 2021 - 00:36

Cando eu era neno, chegados estes días, apretaba a calor e na Alameda aparecían os vendedores de auga de limón: “¡Fresca y dulce!” anunciábana. Levábana nuns recipientes de latón, semellantes ós das leiteiras, pero recubertos dunha codia de sobreira que servía de aillante e mantiña a auga máis ou menos fresca. O azucre coido que llo botarían na casa. Nunha man levaban unha lata daquelas grandes de conservas, debidamente traballada por un ferreiro, á que forneceran dun arco de latón, de medio punto e moi románico, que facía de asa e doaba o transporte dos vasos nos que habería ser servida a auga. Unha vez inxerida a bebida o vaso tornaba a lata de onde se daba por feito que sairía debidamente lavado e desinfectado. Xúrolles que tal auga de limón estaba ben rica e resultaba moi refrescante. O da hixiene xa lles é outro cantar.

Naqueles días de tales anos éranlles moi, pero que moi frecuentes os trebóns; nun deles o Barbaña levara por diante a vida de trece persoas. Dende que tal traxedia sucedera ós nenos que viviamos na parte baixa da cidade, alá polo rúa do Progreso, próxima xa ó colexio dos salesianos, non nos permitían saír de casa. Eu vivía no 149, xusto enfronte das escaleiras de pedra que ascendían ata alameda do Cruceiro, entón tan chea de acacias.

Cando viña o trebón, a tronada diciamos nós, eu contemplaba as escaleiras e as acacias. Facíao dende o balcón do piso da miña avoa, un balcón cheo de xeranios que ela regaba tódalas noites cando as rúas xa eran propiedade dos serenos. Permanecía nel, no balcón, na agarda de ver como a rúa do Progreso se convertía nun río que baixaba entolecido cara a Ponte Vella ou ó Campo dos Remedios. Tratábase realmente dun río que sobordaba as beirarrúas e podía chegar a entrar nos portais, non sempre, pero si algunhas veces.

Hai dez días, os meus compañeiros do Instituto do Posío colgaron no chat que mantemos no WhatApps, uns vídeos nos que algunhas rúas da parte alta da cidade aparecían sucadas polas entolecidas augas que, coido eu, baixarían do Montealegre no que andarán a madurar os amorodos; mentres noutros o que se vía era unha néboa que o envolvía todo e un vento que se levaba con el todo canto atopaba no seu paso.

Foi así como comecei a sentir a nostalxia que, de xeito tan evidente, enche hoxe este meu recuncho dos mércores. Auga de limón, por unha banda, auga de trebón pola outra. Hai quen afirma que Auria, en troques de indicar un lugar dourado, un chan no que se atopa ouro, o que indica é un lugar no que se atopa auga. O certo é que hoxe hai máis auga que ouro e, o que non é mentira é que tanta auga, auga tanta, termal ou fresca, son puro ouro nas nosas mans se acertasemos a tratala. Hoxe estarei en Ourense, pero ogallá non chova.

Contenido patrocinado

stats