Alfredo Conde
A TRIRITA
Sobre gatos, ratos, monarcas e presidentes
A TRIRITA
Debo recoñecer que algo republicano si que teño que selo; non porque o fose meu pai, que tamén, senón porque, dito pola breve, cae de caixón. Tamén debo engadir que algo monárquico si que debo selo, non sei se por sentido común, se por costume dos anos que levo vivido, pero tamén porque a semana pasada andei por aí fóra, durmindo de hoteis, e acabei vendo un deses debates televisados que levo evitando dende hai tempo. Nun deles, un dos seus esforzados tertuliáns moito louvou a incorporación da princesa Leonor ós estudos universitarios e, de paso, o ben formada, o ben educada que está a ser pra cando lle corresponda ocupar a máis alta institución do Estado, do Reino de España, por dicilo de acordo coa Constitución do 78, a mesma que fracasará (Fraga Iribarne dixit) pola mesma razón que o fixeron todas as súas antecesoras: por non converter o Senado nunha cámara de representación territorial coa que compensar os desequilibrios xerados polo censo electoral.
Xa teño escrito que, dada a paisaxe política que contemplamos, dáme arrepío pensar nun presidente da Republica pertencente a un dos partidos políticos actuantes. Recordeino ó escoitar ó comentario no tal debate e, de paso, recordei tamén que os rapaces das Xuventudes Socialistas acudían, non sei se agora o fan, á escola de verao chamada “Jaime Vera” mentres que as novas xeracións do PP o fan ou facían á denominada “Miguel Ángel Blanco” ou, no caso galego, á que leva o nome de “Xerardo Fernández Albor”. Non sei onde o fan os das demais formacións políticas. O chorado Lois Ovelleiro, tan prematura e lamentablemente morto, comentoume un día que estivera en Corea do Norte, coido que ós mesmos efectos deducibles dos casos anteriores. Coido tamén que as demais formacións terán arbitrado os seus recursos ó respecto; Cuba, Venezuela e por aí lle debe andar pois cada moucho á súa oliveira, como debe ser. Non é inxusto imaxinar o que lles poden aprender ós asistentes a tales escolas de formación. Non é desaxustado cismar no feito de que, con total dereito e lexitimidade, saian formados na defensa dos intereses dos seus partidos.
Visto o visto, cabe supor que, chegado caso, un presidente republicano se poderá comportar, ou non, de acordo cos principios que levaron a don Nicolás Salmerón, presidente da Primeira Republica, a dimitir pra non ter que firmar seis sentenzas de morte ou a facelo, como fixo don Estanislao Figueras, argumentando que: “Señores, ya no aguanto más. Voy a serles franco: ¡estoy hasta los cojones de todos nosotros!” Os lectores curiosos poden indagar as razóns aludidas no seu derradeiro Consello de Goberno, antes de levantarse, ir dar un paseo polo Retiro, achegarse á Estación de Atocha, coller un tren e marchar a París, onde por fin foi localizado ó cabo dunhas semanas
Tornando ó rego, algo de razón lle asistiu ó comentarista ó aludir á formación que está recibindo a princesa Leonor: a que corresponde á defensa dos valores, aspiracións e necesidades comúns a toda a cidadanía, antes que as particulares de cada partido ou ideoloxía. Canto e tanto me leva feito pensar a convicción expresada por don Salvador de Madariaga: “Soy liberal porque lo primero es la libertad. Soy socialista porque creo que hay que velar siempre porque las libertades individuales no se ejerzan contra el bien común. Soy conservador porque estimo que sin un mínimo orden no se puede conservar nada”. Debe ser moi pouco doado que un “home de Estado” o sexa cabalmente sen tela en conta. Felipe González debeu ser un deles, Fraga foino e, coma eles dous, tamén o foron bastantes persoas máis grazas ás que foi posible (re)construír a democracia. Felipe botou man do dito chinés de que non importa que un gato sexa branco ou negro, con tal de que sexa bo murador e cace ratos. Pois aí vémonos: monarquía ou república? O importante é que sexa demócrata, na maior e millor expresión do término democracia, pois o que conta é o benestar de toda a cidadanía. Tal e democrático benestar fómolo perdendo nas voltas e revoltas habidas no camiño. Convén que sexamos quen de endereitalo de novo. Precísanse homes e mulleres ós que lle caiba o Estado na cabeza.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Alfredo Conde
A TRIRITA
Sobre gatos, ratos, monarcas e presidentes
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
A teima de meter os fociños
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Contra la retórica
Gonzalo Iglesias Sueiro
¿El estado al servicio de la oligarquía?
Lo último
BEÍÑA CONTRA EL CÁNCER
La promesa que dio vida a una asociación ourensana contra el cáncer
AVERÍAS EN LA MITAD DE LOS TRAYECTOS
Medio centenar de incidencias en el tren del Miño en obras
"SENDEIROS AZUIS"
La Feria Termatalia 2026 regresará a Ourense
MANTENER VIVA LA TRADICIÓN
Antes de que la música de las chocas se apague en la montaña de Manzaneda