Rosendo Luis Fernández
PSOE y BNG rompen filas
PENSAR POR PENSAR
Sen temor a errar poderiamos asegurar que o ano dás Letras Galegas conclúe no mes de Santiago ao tempo que a RAG publica o nome do personaxe que protagonizará o seguinte. Por tanto, a celebración de Begoña Caamaño finaliza nestes días para deixar paso á de Xosé Neira Vilas, dous creadores de literatura galega tan próximos que espanta pensar que só doce e dez anos encheron as súas ausencias sen que as xeracións que convivimos con eles sexamos capaces de asumir que xa pertencen á historia deste país e á súa cultura. O desconcerto empúxanos a mirar á distancia daquel ou deste día de copas e festas, a aquela cea ou ao percorrido por exposicións ou presentacións de libros, a esta inquietude ante un micrófono ou a ese paseo falando do divino e do humano, á crítica mordaz ou ao ruxerruxe benevolente, ao faladoiro ante as cámaras de televisión, ao pesar por un acontecemento ou a caída dun colega, a ese sorriso pícaro dela ou ao consello sabio del. A tantas vivencias compartidas! E sobre todo, a pensar que ela e el xa son lenda e, talvez, a que nós ao celebralos tamén o sexamos.
Por aqueles momentos de xullo do 25 escoitei algunhas voces incomodadas por dedicar o Día das Letras a unha autora de só dúas novelas contemporáneas
O ano pasado, cando a Academia Galega fixo público o nome de Begoña Caamaño, o meu primeiro impulso foi aplaudir a decisión con isto que medianamente sei facer, escribindo un artigo para resaltar algún aspecto da súa vida ou da súa obra, pero enseguida o seu sorriso cruzou polos camiños da miña mente. Chamoume a súa mirada cómplice e feminista, a súa tenrura de amiga capaz de compartir as sombras das noites polas rúas de Vigo ou de Santiago e os días luminosos correndo tras dunha noticia, dunha reportaxe no territorio menos imaxinado e pregunteime que podería dicir eu subido a unha tribuna cultural que nos meses sucesivos as voces expertas non dixesen das súas dúas magníficas novelas ou do seu brillante periplo xornalístico, intelectual e comprometido contra os teitos de cristal. E se me centraba na súa xenerosa personalidade humana temín caer no encomio goro cos que tantas veces adoitan encherse os retratos literarios para maior gloria de quen os asina en detrimento do retratado. Non. Abstívenme disposto a ler e ver con sentido prudente canto fóra saíndo en audiovisuais ou impreso durante os seguintes doce meses. E nesas mantívenme recuperando á Begoña amiga día a día.
Por aqueles momentos de xullo do 25 escoitei algunhas voces incomodadas por dedicar o Día das Letras a unha autora de só dúas novelas contemporáneas. Pensei, naturalmente, que non deberon de ler e saborear a calidade das mesmas, que as críticas partidarias son máis daniñas que os tropezos da realidade, que neste país –tantas veces denominado pequeno- as pequeneces son capaces de alcanzar a universalidade. Lin as dúas novelas de Bego nos seus días e máis tarde feriume a mala partida que xogaría contra a enfermidade cortando unha magnifica carreira literaria. Por iso valorei que resucitala e enxalzala era moito máis que un xogo de oportunidade circunstancial deslizado por algunhas malevolencias habituais. Valorei o acerto da RAG como positivo e oportuno. Hoxe apláudoo satisfeito coa certeza de que as festas das Letras Galegas proxectan as obras literarias da nosa cultura, e a quen as escribiu, a circular polas beirarrúas das cidades, aos escaparates, ao exterior dos círculos avisados, aos centros escolares e universitarios e, mesmo, aos mercados de abasto e ás tabernas das aldeas. Nesta ocasión a min devolveume a necesidade de volver ler “Circe ou pracer do azul” e “Morgana en Esmelle” e a reencontrarme coas súas dedicatorias onde me bautiza personaxe servidor de Merlín: “A Perozo, Felipe de Amancia, que se conforma cun bico sempre que leve o sabor dás cereixas, con cariño inmenso”. Agora temos todo un ano por diante para falar e volver ler o mestre Neira Vilas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
MODELO EDUCATIVO NO RURAL
Dous profesores do colexio de Laza, entre os mellores de toda España
SEGURIDAD VIAL
Fornelos de Cova cuenta con un acceso al pueblo más seguro
MEJORA DE LOS ACCESOS
Bande y Xunta sellan su alizan por el Mercado do Xurés
INVERSIÓN DE 450.000 EUROS
Parada de Sil recupera cerca de 29 hectáreas de soutos