Chito Rivas
RECUNCHO HEBDOMADARIO
Os arquivos do terror
Cunha cita do escritor americano Raymond Carver (1938-1988) dá comezo a excelente fita de Alejandro González Iñárritu: Birdman ou a inesperada virtude da ignorancia. A devandita cita formula unha pregunta interesante, que, nalgún momento da vida, calquera persoa poderá facerse ao botar un ollo ao pasado. Conseguimos realmente o que desexamos nesta vida? Na resposta a esta cuestión que abre o filme radica a clave de todo. Cal é entón esa clave que nos axudará a situarnos nesta historia trepidante? Moi sinxelo, a importancia que para Riggan -interpretado por un excepcional Michael Keaton- ten sentirse amado. É entón esta unha historia de amor? Non. É un relato sobre a febleza humana.
O actor Riggan Thompson arela recuperar, non tanto a fama -aínda que tamén-, mais o prestixio perdido e, xa postas, o afecto da súa familia. Neste proceso sofre episodios delirantes nos que sente a voz de Birdman, o superheroe que interpretara anos atrás, falándolle na orella. Este insólito alter ego proporciona momentos de humor que se agradecen moito. Será pois el, o home-paxaro, quen "mire por Riggan", para que non perda a perspectiva e lembre a súa "relevancia". Así, cando o actor voa pola cidade -Iñárritu tivo o acerto de facernos ver a paranoia de Thompson-, Birdman dille, referíndose á altura, "Ves? Este é o sitio ao que pertences. Por encima de todos". Facer explícita a metáfora nese voo inesperado -Riggan vese voando coma quen vai ao super-, é unha desas escenas que recollerá a historia do cine.
Sen dúbida. Alejandro González Iñárritu, claramente en estado de gracia, acaba de rodar o seu mellor filme. Non só ten diálogos audaces que manteñen a tensión ao longo da fita -pasa do decadente ao irónico para tocar o drama sen ningunha afectación-, mais unha interpretación, en xeral, moi lograda. En especial, a de Edward Norton -American History X, As dúas caras da verdade, O club da loita-, un actor impresionante que borda o papel. As discusións que mantén con Michael Keaton son, en efecto, do máis intenso do filme.
Hai quen afirma xa que Birdman é a obra mestra de Iñárritu e, sinceramente, non vai moi desencamiñado. Esta historia é dun frenesí tal que se fai difícil desconectar. Dende o momento inicial, cun Keaton visto de costas, levitando, até o final. Mais, que sucede ao final? O director non deixa que o vexamos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CONFLICTO EN EL CARIBE
EEUU pone cerco al petróleo venezolano con dos abordajes
CORRUPCIÓN EN EL PSOE
Cargos de Deloitte declaran por la cátedra de Begoña Gómez
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este lunes, 22 de diciembre