Bodegóns trompe l’oeil, unha paisaxe de Sóller, e un mural na Bebeteca da Nós

ARTE ET ALIA

Publicado: 20 oct 2025 - 06:40

Bodegóns trompe l’oeil, unha paisaxe de Sóller, e un mural na Bebeteca da Nós
Bodegóns trompe l’oeil, unha paisaxe de Sóller, e un mural na Bebeteca da Nós

Expón na galería Visol Leandro Sánchez. Logo de Dieta mediterránea, centrada en diversos alimentos da horta e produtos da mar, na que non faltou o tinto, quizais de Binissalem, unha estratexia para conxurar a nostalxia da súa terra mallorquina. Nas obras, introducía tamén cerámicas vintage. Regresa agora co seu modus operandi do cambio de escala para salientar o protagonismo do elemento seleccionado, unha cereixa ou un ovo fritido, os dous sobre fondo frío no que modela a intensidade mais non a luz, que é cenital. Aí, sós, falan a linguaxe da excelencia do singular, resaltando o individual, pois o dous é diálogo, un compartir, e así se adoita presentalas no mercado ou na mesa, as cereixas en parellas e os ovos con patacas fritas. Nestes lenzos, a modo de selo, o artista engade unha pinga de auga. Eis coa molécula H2O dipolar unha pegada de virtuoso, e unha lembranza da súa escaseza endémica na illa natal, que carece de ríos. Son obxectos inertes que transmiten silencio, pois centrase en obras sen presenza humana, da que non gusta, testemuñas domésticas de cociña ou salón. Nelas non pinta a vibración lumínica mediterránea de Mallorca, na que a llum de l’esperit fala da transcendencia da materia, son elementos descontextualizados, que traballa con pinceladas curtas.

O ourensán Pablo Otero, vén de inaugurar un rechamante mural na sala infantil da Nós, biblioteca pública estatal en Ourense

Desta volta, como novidade, presenta dúas composicións con botellas de vidro transparente, algunhas de cor translúcida, nas que xoga a levarlle a contraria á lei newtoniana da gravidade. Cun estante por medio, coloca dúas series delas, resultando nunha unha obra reversible, que na outra leva unha inscrición en galego (sic), O cristal é a transparente harmonía do equilibrio, aforismo revelador co seu punto transcendente. A fina sopeira cerámica é une pièce de résistance, con delicados reflexos. Nun pedestal columnario unha colflori, chamada pinya en Sóller, terra costeira da illa que Leandro escolle para unha paisaxe-fito, como tamén fixera noutra mostra co arco de Es Pontàs, Santanyi. Eis a chamada da terra.

Outro artista, o ourensán Pablo Otero, vén de inaugurar un rechamante mural na sala infantil da Nós, biblioteca pública estatal en Ourense. O ilustrador e escritor ourensán foi unha escolla de Rosa Díaz, a directora, para que os parruliños lectores abran os ollos da imaxinación, facendo unha serie de formas en madeira policromada que suxeriran animais ou formas da natureza, todas flotando sobre fondo verde. Otero, que foi un usuario da biblioteca cando de neno estaba da rúa Concejo, mergullouse no encargo pasando varias semanas no espazo escoitando e interactuando cos nenos. Así fuxiu da icona individual preferindo amosar unha manchea de motivos para darlles bola aos picariños. Unha boa iniciativa. O autor non é novo nestas temáticas pois ten ilustrado os Contos por teléfono de Gianni Rodari, 4 Ojos Eyes de Sara Canal e Parece unha formiga, da súa autoría. E ten feito exposicións, caso da recente Hirundo rustica (Embornais), ou Colpo di fulmine na sala Valente e o Museo Municipal en 2018, un autor que gusta de imaxes-símbolos para artellar sempre propostas abertas e libres.

Contenido patrocinado

stats