Boris Izaguirre

Publicado: 22 ene 2010 - 01:00 Actualizado: 11 feb 2014 - 00:00

Entérome que anda o amigo Boris embarcado nun novo programa de entrevistas, sucedendo ó gran Juan Ramón Lucas na TVE. Será sen dúbidas un estupendo programa, no que o venezolano lle dará a súa impronta persoal á base de rigor e creatividade. Moita xente que sabe da miña amistade con Boris desde que chegou de Venezuela pregúntame se realmente é como aparece na tele. Eu sempre contesto que a pesar de compartir o apartamento que o noso xefe Ghaleb Jaber nos puxo no ‘Hotel Araguaney’ compostelán nunca o vin facendo pasarela en calzoncillos ó máis puro estilo ‘Crónicas Marcianas’. Polo demáis, pois si. Boris é un tipo xenial en moitos aspectos e non deixa a ninguén indiferente; desde sempre se permitiu o gran luxo de poñerse o mundo por monteira e facer caso omiso a eso tan noso do ‘que dirán’. Recordo a primeira vez que o vin entrar no Plató Mil onde eu me estreaba diante da sociedade compostelá presentando o ‘Araguaney de Ouro do 92’, xusto uns dias antes de comezar a emitirse o ‘Supermartes’. Boris fixo á súa entrada na cea quitándolle protagonismo o mesmiño Presidente Fraga; recordo perfectamente o seu impecable traxe, o seu sorriso e o despregue de ‘glamour’ e pluma como ningún pavo real podería facer. E isto dígoo porque cando llo recordo escacha coa risa. Boris entrou por aquela porta do Plató como entraría no Teatro Kodak para recibir un Oscar á mellor interpretación.

Con Boris compartín os seus primeiros momentos en Compostela cando se afanaba en escribir o culebrón ‘Compostela sol y luna’ no que ata o sempre recordado Xaime Quessada tería un papeliño.

Eran tempos de festas, bailes de salón e risas con amigas como Teté Delgado, tempos nos que Boris coñecía ó que hoxe é o seu marido Rubén, e tempos nos que ía movendo os seus tentáculos para desembarcar na capital do reino da man de Lucia Bosé, e traballar ás ordes de Pilar Miró no mellor ‘Especial Fin de Ano’ que TVE fixo na súa vida.

Logo virían os éxitos en ‘Crónicas’ e o seu convertemento en fenómeno de masas, discutido e polémico, exhibindo aínda máis o seu despregue de plumaxe fantasioso entre o que se escondía un tipo culto e entrañable. Son tempos nos que o Boris máis persoal empeza a asomar pola ‘Ventana’ de Gemma Nierga e nas páxinas dos seus libros. Confeso que os primeiros me deixaron bastante indiferente, pero que me enganchei decididamente ó Boris escritor con ‘Villa Diamante’, e sobre todo con ‘Y de repente fue ayer’, libro que veu presentar o ‘Acompáñenos’ nunha tarde na que vivimos unha especie de secuestro de encarapuchados que para reivindicar a liberación dun preso nos fixeron pasar un sustiño dos bós. Recordo que Boris me dixo, ‘esto es increible, yo de aquí no me muevo’, e quedou todo o programa para alegría da audiencia.

Vexo moi pouco a Boris desde que se foi de Santiago, pero teño ese tipo de relación que teñen os bós amigos, que poden estar anos lonxe pero que en canto se xuntan é como se fora onte mesmo. Alégrame saber dos seus éxitos e procuro lerlle sempre os seus incisivos artigos de opinión, onde coma sempre combina rigor, creatividade e sentido do humor, e non poucas veces unha boa dose de man dura con todo aquelo que cheire a reaccionario. E agora alégrome de que TVE conte con él para un novo programa de entrevistas, sabendo do seu tirón mediático, pero sabendo tamén da súa preparación. Para entrevistar non vale calquera, hai unha cousiña que se chama cultura e que sen ela o resultado é patético. Boris é un tipo culto e divertido, cousa que moitos iluminados deste lado do Padornelo seguen vendo incompatibles. E así lles vai. E así nos vai.

Contenido patrocinado

stats