Julián Pardinas Sanz
Una “verdad” bajo sospecha
Hai anos que me intriga saber que hai exactamente na cabeza dunha persoa que non le. En que se apoia un cerebro así para perdurar vintecatro horas diarias durante setenta, oitenta, cen anos? De que están feitos os seus muros? De que se alimenta? Unha vez escóitelle dicir a Fernando Savater, ao que acostumo a non ter en conta cando coincido coas súas ideas, pero tamén cando discrepo, que a cabeza de alguén que non le, ou que apenas le, debe ser algo moi parecido a un faiado baleiro. Talvez. Quen sabe? Existe un momento no que o narrador de Verano, última achega que Coetzze fai á súa autobiografía, afirma que 'un libro debería ser unha machada para rachar o mar xeado no noso interior. Que outra cousa debería ser?' Esta idea concorda coa de Savater, e asimila un cerebro sen lecturas a un lugar frío, inhóspito, alumeado por unha luz amortuxada. Pero e se non é así?
Cabe a posibilidade de que o cerebro anulado e enfermo sexa precisamente o que le. Non coñezo cabezas que estean tranquilas, en paz, durante ou despois de ler un bo libro. Hai algo nesa mente que causa unha tribulación continua, que nin sequera dorme entre libro e libro. A persoa que fai vida común coa literatura, na medida que vai sumando lecturas acumula inquedanzas, fendas, noites perfectas. Cedo ou tarde, remata por non estar seguro de nada, ata entrar nun ostracismo persoal que o condena a trasladarse a un novo libro, e logo a outro, centenas de libros que retroalimentan o solipsismo. Este movemento é perpetuo, e o lector fica sempre derrotado diante del, porque os libros son inimigos demasiado poderosos.
Quen le, senón os homes enfermos e acorralados? Non se le a menos que un se atope mal, destruído, aínda que non o saiba. Un cae na lectura cando busca a desorde, e unha vez metido nese remuíño xa non consigue abandonalo. Non sabe vivir sen a enfermidade. O lugar do lector é a incomodidade, o vendaval, o trastorno, o malestar. Inaki Iriarte conta no seu Diario que ten un amigo lector, desa clase de lectores enfermizos, terminais, que sempre chega tarde aos seus encontros. O escritor bilbaíno lembra que unha vez estivo hora e media agardando por el, e cando chegou, xustificou a súa impuntualidade alegando que 'Kafka sempre acudía tarde ás citas'. Iñaki Uriarte díxolle que iso acababa de inventalo, que non podía ser verdade, pero entón o seu amigo respondeulle que 'William Faulkner tamén foi un gran mentireiro'. Quizais ler sirve para establecer esta clase de diálogos. Efémeros pero luminosos. Certamente, non ler permite controlar a realidade. Pero fóra diso, que máis?
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Julián Pardinas Sanz
Una “verdad” bajo sospecha
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Esencias
Manuel Herminio Iglesias
DENDE SEIXO-ALBO
Primeiro, os dereitos humanos
Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
Maia y Saturno
Lo último
OBRAS E SALARIOS
Bande aproba un orzamento superior aos dous millóns
SIN PLAY OFF
El Barco y el Barbadás despiden la liga el domingo
"DEBERES FEITOS"
Polémica en Trasmiras al no pedir ayuda por daños
OBJETIVO: 3.000 EUROS
Arteficial de Ribadavia busca apoyo para asegurar su futuro