Camiño dos miragres

Dende Seixo-Albo

Publicado: 02 sep 2026 - 03:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Teño comentado que cada tempo agúzanos e aviva os sentimentos e recordos acontecidos. Chegaron as primeiras augas e os que teñen hortas á beira das casas andan a sementar os nabos, é o ritual de todos os anos. Outros, despois das primeiras chuvias, andan a procura dos cogordos. Polo que, aínda que non o pareza, estanos a ver que o outono está chamando as nosas portas. E como se fora unha obriga seguimos as datas do calendario que sinalan festas e acontecementos varios; historias que se repiten ano tras ano. O camiñar pola vida é, queirámolo ou non, como unha noria que dá votas sen parar. E como non pode ser doutro xeito, polo menos en Ourense provincia, estamos no tempo da romaría dos milagres. Estamos tamén, a piques de comezar un novo curso para os estudantes e unha nova estación: a da caída da folla pra todos. E como se fose unha obriga milleiros de ourensás van cumprir coa costume, uns coa devoción de ir ó santuario dos Milagres e outros por ir cumprir cunha tradición herdada dos nosos maiores. Pero tamén sei de moitos que van soamente por aquelo de socializar, mercar algo nos postos que alí están e comer uns churros e se se tercia o pulpo á feira.

Eu, de novo tamén fun en varias ocasións camiñando a esa cita. E digo que fun, máis non sei se fun de romeiro ou por camiñar coa panda de veciños e acompañar os fillos cando eran moi novos. O certo é que achegarse ó santuario do Monte medo ten o seu aquel de atracción. Non o podo explicar con verbas pero si atrae. Pois despois de moitos anos a xente segue camiñando ate ese lugar; e os máis maiores van nos coches ó encontro social e relixioso pra pedirlle a Santiña cousas e encetar un tempo novo e, deste xeito, manter viva unha tradición moi arraigada nesta provincia. Estamos nun tempo un tanto chusco, onde outeamos na política moitas nubes cargadas de xenreira que non anuncian nada bo. Non sei se será porque o relativismo no que estamos todos metidos axuda, ou tamén na falla de crenzas. Todo animado polas ansías de poder de líderes sen escrúpulos, xente que está levando ó mundo a unha situación límite. O narciso e ególatra americano está incendiar cos seus discursos de fobia ó diferente e toda a situación no planeta. As imaxes do chamado ICE nos EEUU resultan ferintes para calquera persoa cun mínimos de humanidade, ética e conciencia social. As ansias de poder están incitando á concentración nuns poucos multimillonarios que, coas súas tecnoloxías, ansían o control do mundo a través de manipular as masas. Si, esa é outra pandemia que nos pode levar á loucura e a destrución como humanidade.

Vivimos tempos onde as inquedanzas lanzan preguntas moi complexas de contestar. Por iso, manter a calma e camiñar a modo fuxindo das solucións drásticas e sinxelas axuda é moito. A reflexión, axuda falando e arredando o radicalismo; axuda a racionalizar e ver as cousas e os problemas desde outra perspectiva distinta a predicamento excluínte. Pensar que nós tamén fomos emigrantes, e moitas veces sen papeis, pode axudar a pensar distinto. Por iso, camiñar cara os Milagres, aínda que non sexa por motivos relixiosos, sempre axuda; sempre é un motivo de socializar e de encontrarnos con nós mesmos pra facernos moitas preguntas. Eu, como moitos ourensás tamén irei os milagres e escoitarei un sermón moi semellante o de anos anteriores, pois a Igrexa non ten presa en abrirse ó mundo e actualizar o seu discurso pra que sexa coherente cos tempos. E eso esta levándoa a certa soidade na sociedade. Logo comerei o pulpo e falarei con moitos coñecidos. E, desta maneira, darei por comezado o curso esperando que nos traia boas novas e que as nubes agoirantes se desfagan e desaparezan das nosas vidas e da sociedade.

Contenido patrocinado

stats