Juan Pina
Peligra la neutralidad religiosa oficial
PENSAR POR PENSAR
Ás veces, ao pasar xunto aos grandes almacéns do barrio de Argüelles en Madrid, vénme ao recordo “La camisa”, unha das obras teatrais máis famosa de Lauro Olmo. O ourensán, alén de pola súa calidade literaria, ao principio dos anos setenta fíxose famoso en toda España pola súa resistencia ao inxusto desafiuzamento do seu edificio naquel barrio. Atrincheirado en soidade colgou unha camiseta no balcón como pancarta de protesta. A foto deu a volta ao mundo e á resistencia antifranquista quedounos no maxín para sempre. O xesto de Lauro podemos consideralo o precedente histórico do triunfo das camisetas publicitarias dos nosos días. Hoxe non existe movemento de éxito, político, cultural, social, deportivo ou artístico que non conte cunha camiseta específica. A camiseta é símbolo de presenza vital e esta semana Pedro Sánchez elevouna á categoría de “comunicado institucional”.
O presidente do Goberno apareceu nas redes vestindo a camiseta da selección española de fútbol, versión branca, para anunciar e celebrar, baixo o lema “Somos o mellor equipo”, ter alcanzado os vinte e dous millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social. Unha marca sen precedentes. Os memes non tardaron máis de dez minutos en dispararse. Un terzo de España mostrouse encabuxada, outro terzo aplaudiu a ocorrencia e o terceiro púxose a pensar na cifra. Para min a suma dos tres terzos en vivo avalan o rotundo éxito de semellante comunicación aínda que considere, desde o meu recuncho, que hai que ser valente ou inconsciente para, exercendo de presidente do Goberno, atreverse a descender aos infernos das redes de semellante guisa. Desde o punto de vista institucional rachou todos os esquemas do protocolo oficial. Primeiro adiantouse á comunicación rigorosa do Ministerio do ramo. Segundo redondeou a cifra para impactar máis. E terceiro tivo a ousadía de utilizar o máximo símbolo deportivo do país, capaz de axuntar todas as tendencias partidarias. O impacto foi eficaz. Hoxe toda España ten a mensaxe do 22 na cabeza. Imposible de superar coas tradicionais sumas das estatísticas, os baremos, os esquemas, as gráficas ao uso, os aplausos verbais. O punto de xiro comunicacional de Sánchez en camiseta fixo historia na historia política da prenda.
Me malicio que o xesto non foi improvisado. Desde que goberna, Sánchez moveuse en dous campos estratéxicos. Un, a xestión eficaz da aventura dun Goberno de coalición sen maioría absoluta. Dous, a proxección internacional do Estado e a propia. Con todo os bos resultados obtidos non serviron para neutralizar os golpes dos arietes de ‘destrución do líder’ por parte das forzas contrarias. Alternativa? Baixar ao campo da comunicación directa, que tan ben domina ao marxe dos medios tradicionais, e penetrar nos ámbitos dos novos electores. Así, desde xaneiro aparece asiduamente nas redes facendo deporte, recomendando libros, música, concertos, museos, patrimonio… e alzando a bandeira internacional contra Trump e as súas guerras. En pouco tempo impúxose nas canles dos influencers máis vistos amosando un dinamismo distinto ao que se espera dun sisudo presidente do Goberno ancorado nos despachos do poder. Estamos ante o primeiro anuncio serio de eleccións xerais? A campaña socialista está en marcha.
Lauro Olmo e a súa camiseta resistiron máis de tres anos contra a perigosa ditadura de Franco. Ese tempo, traducido á democracia actual, representaría uns trinta anos de aguante. Se a camiseta de Sánchez cumpre o mesmo obxectivo do dramaturgo, hai goberno de esquerda para longo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
GUERRA EN IRÁN
El “efecto refugio”, una baza positiva del turismo español
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este viernes, 10 de abril
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: viernes, 10 de abril
ENTRADA EN VIGOR
La ley de multirreincidencia pone coto a pequeños robos