Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Galicia non arde, a Galicia quéimana. Non debemos esquecer que detrás de boa parte dos 1.492 incendios deste ano non hai fatalidade, senón acción humana que destrúe. Por iso é imprescindible distinguir a verdade do ruído: saber quen prende o lume e quen o apaga, quen xestiona e quen só critica, quen defende o territorio e quen o usa como escenario.
Falar de incendios cando xa pasaron é cómodo; decidir no medio da noite, non. Por iso, cando discutimos sobre o Pladiga ou sobre o modelo galego de loita contra o lume, en realidade discutimos sobre algo moito máis profundo: sobre quen está e quen non está cando hai que actuar. Galicia estivo. O seu operativo estivo. E iso non debería ser motivo de disputa, senón de orgullo colectivo.
O Pladiga 2025 non nace da improvisación. É a síntese de anos de aprendizaxe, acertos e erros recoñecidos. Un plan que vai máis alá da extinción e que entende a prevención como o único camiño serio. Mellora coordinación, crea novas figuras de mando, integra tecnoloxía, reforza distritos e dignifica o traballo dos profesionais. Sobre o papel parece lóxico; sobre o terreo salva vidas.
Para iso existen orzamentos e milleiros de profesionais preparados antes de que apareza a primeira chispa. Nada diso é improvisación
Hai un dato que ás veces esquecemos: cando o lume vence -porque ás veces vence-, ninguén gaña. Só unha resposta rápida e coordinada evita que o dano sexa irreparable. Para iso existen orzamentos e milleiros de profesionais preparados antes de que apareza a primeira chispa. Nada diso é improvisación. Iso chámase planificación.
E fronte a todo isto, sorprende a lixeireza coa que algunhas voces empregan o lume como arma política. Confúndese a crítica coa erosión, o debate coa desinformación, o control coa demagoxia. Pero o incendio non entende de titulares: apágase con rigor ou non se apaga. E quen queira convertelo nun campo de batalla, debería lembrar que detrás de cada acusación hai miles de profesionais que non merecen ser usados como munición.
O certo é que Galicia está hoxe na vangarda técnica e operativa: UIFO, UDEX, equipos especializados como Batracio ou hidroestáticos; formación continua con máis de 3.500 cursos; un centro de referencia en Toén onde se adestra o que despois salvará montes e aldeas. Iso non é propaganda: é estrutura.
Curiosamente, quen máis denuncia a falta de medios adoita pedir os recursos que só existen grazas á planificación. Critícase o modelo, pero apóianse nas súas ferramentas. Predicar é sinxelo, soster a mangueira, non tanto.
O lume é unha fronteira moral. Criticar é lexítimo, negar o esforzo colectivo, inxusto. Pero a realidade é clara: Galicia está máis preparada que hai unha década, máis coordinada, formada e consciente do que arrisca e defende.
As lapas deixan ao descuberto as sombras, pero tamén revelan as luces. Desvelan quen actúa e quen se agocha tras a crítica fácil; quen constrúe e quen só sinala; quen arrisca e quen opina. Deixa á intemperie a verdade: hai quen decide protexer o territorio con dedicación e orgullo.
Esa é a Galicia real. A que non se rende. A que non culpa, senón que traballa. A que non improvisa, senón que aprende. A que non busca un culpable nos demais, senón unha solución para todos.
Cando o lume vence -porque ás veces vence-, o que queda é a responsabilidade. E esa responsabilidade é a que debe guiar cada decisión, cada orzamento, cada crítica e cada apoio. Galicia non necesita máis ruído. Necesita máis verdade, máis rigor e máis compromiso.
Esa é a Galicia na que creo. Ese é a Galicia que quero seguir defendendo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
AL MENOS UN HERIDO
Una colisión entre dos coches provoca retenciones en Rabo de Galo, Ourense
CÚMULO DE LESIONES
Totó, el pulmón del Allariz
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior