Para cando pasear pola alameda?

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 04 nov 2026 - 03:40

Cando semella que amplían o espazo e se consolida a estancia indefinida dos praceiros na Alameda, non queda outra que preguntar: ata cando seguirá un edificio provisional ocupando un espazo público? O tempo pasa, os anos pasan, e a Alameda do Concello segue ocupada e esnaquizada. Os praceiros están cómodos e non hai datas de cando mudará o asunto. Xa non se fala diso pois semella que desapareceu da axenda e das prioridades do Concello. E como tantas cousas máis, nesta urbe sen mar, ninguén fala do asunto, pois todo está moi tranquilo. As chamadas forzas vivas están mudas e caladas como se o asunto da Praza de Abastos non tivera importancia. Nesta Auria todos, goberno, grupos políticos, praceiros e veciños, nada esixen. E xa se sabe, cando un asunto ninguén o reclama, o tema morre e consolídase indefinidamente. O asunto, ninguén sabe con claridade as razóns polas que segue parado. Non importa nin ten presa. E o edificio restaurado segue a esperar indefinidamente.

Agora que xa se fala de listas nas municipais, quero supor que comezaran a escoitarse as promesas e ofertas dos distintos grupos políticos. E nesa ringleira de asuntos, promesas e propostas aparecerá algo que se refira a esta cuestión. Mentres tanto, pasan os días e soamente preocupan as festas, moitas delas importadas e que banalizan a morte e soamente promocionan o consumo. Queda claro que todo o que se move nesta terra remata sempre buscando os beneficios económicos. Todo nos leva cara o mesmo obxectivo: consumir, consumir sen criterio. Xa temos quen pense por nós, e nós soamente temos que traballar para logo consumir sen reparo. No mundo actual, se non hai unha necesidade créase artificialmente. E iso faise ollando na procura de cartos. Hai uns días, falando cun veciño informado desta cidade, díxome: “A Praza de Abastos tarde se vai da Alameda”. Logo comentou máis cousas e deume as razóns polas que non se ían do lugar os praceiros. Non as exporei. Mais convido ós lectores para que pensen sobre este asunto.

Hai máis de oito anos vivimos nunha fantasía que nos obnubila e nos entretén facéndonos un pouco máis parvos a todos

Dixen que nesta nosa cidade soamente se pensa en festas, algunhas chocalleiras e sen contido. E vexo unha armazón de ferros moi grande chantada arredor dunha fonte fermosa, que agora lle chaman árbore de Nadal. Manda nabo, dende que Vigo quixo iluminar o planeta, Ourense chanta un artefacto para amosar fantasía e o seu poderío. Parece unha puxa de quen pon a luminaria máis grande e alta. Vivimos nesta cidade na inopia permanente. E conformámonos co superfluo e banal.

Temos os grandes asuntos sen arranxar. Facendo un repaso de como andan, direi que seguimos sen PXOM; os servizos máis importantes, en precario, cun custe disparado; o feito cultural, desaparecido; as contas do Concello, xa veremos cando afloren os pufos que quedan e, sobor de todo, cargaremos co desprestixio da institución municipal. Podería seguir cunha ringleira de asuntos máis. Pero somos felices dado que xa temos un trasto de ferro con luces ocupando e escarallando un lugar fermoso. Pero todos conformes.

Hai máis de oito anos vivimos nunha fantasía que nos obnubila e nos entretén facéndonos un pouco máis parvos a todos. Non somos capaces de distinguir a fantasía, mellor a palla do grao, ou se o prefiren da realidade. Con todo, lembro con saudade os tempos cando pasear pola Alameda e escoitar a banda de música, hoxe desaparecida, era habitual. Claro que por obra e gracia do señor Jácome, a banda desfíxose e no tema cultural calquera vila da provincia supéranos. Con todo o sinalado, ate semella que nesta Auria somos felices. Mentres o noso alcalde anda facendo vídeos polo cemiterio de San Francisco á deshora. E os veciños asustados chaman a Policía Local para ver o que acontece nese sacro lugar.

En fin, todo parece unha broma de moi mal gusto. O importante é vender a imaxe de Ourense aínda que sexa dunha maneira que adultere a realidade. Triste gracia a de banalizar un lugar onde repousan os nosos defuntos. Mais a pregunta salta deseguida: podemos os ourensáns esperar que se afronten os problemas máis importantes desta cidade co actual equipo de goberno? Entendo que, despois de case oito anos perdidos, vai ser que non. E pregunto: cando volveremos os ourensáns pasear pola Alameda e vela limpa e coidada? Supoño que o asunto quedará á espera, pois parece que non é importante. Haberá que darlle outro uso ó edificio remodelado que ben puidera ser un salón de baile, dado que o das festas para o alcalde e o seu equipo son o que mola. Esperemos acontecementos e iremos vendo que ocorrencias aparecen.

Contenido patrocinado

stats