Xoán Antón Pérez-Lema
A trampa da alta velocidade radial
Unha democracia avanzada non pode aturar tres catástrofes ferroviarias na rede da alta velocidade -á que se destinaron as xoias da coroa- cun semellante tributo de vidas humanas. A memoria das oitenta vítimas mortais de Angrois-Santiago de Compostela no 2013, lonxe de actuar como un punto de inflexión e advertencia definitiva, atópase hoxe tráxicamente emparentada cos dous terribeis sinistros de 2026 en Adamuz (Andalucía) e Urda (Castela A Mancha). Tres traxedias separadas no tempo pero unidas polo mesmo fío condutor: un sistema que prefire delegar a seguranza e a estabilidade operativa no factor humano ou en manobras degradadas antes que asumir as eivas estruturais e a falla de investimento continuo na infraestrutura. Angrois, Adamuz e Urda non son fatalidades illadas, senón nós dunha mesma liña onde as presas da propaganda poíitica por inaugurar quilómetros e o fornecimento de moita máis capacidade de mobilidade de persoas pasaxeiras a respecto da máxima aconsellábel -por razóns de capacidade e seguranza- prevaleceron sobre o coidado da integridade das persoas transportadas.
A historia ferroviaria do Estado español non se explica dende a racionalidade loxística nin dende a equidade territorial, senón dende unha obsesión centralista que afunde as súas raíces nos Borbóns do XVIII e que a democracia do 78 transformou en megabytes de aceiro e formigón. Mentres os sucesivos Gobernos do Estado investían a esgalla billóns de euros para erguer a segunda maior rede de alta velocidade do planeta -unha rede radial deseñada para que todo comece, remate ou pase por Madrid-, as infraestruturas que vertebran a vida real da cidadanía foron sometidas a unha drenaxe orzamentaria sen precedentes. A canibalización de recursos públicos a prol da alta velocidade illou ao 95% dos usuarios diarios do tren, postergou o esencial tránsito de mercadorías e asfixiou o seu mantemento básico.
Esta canibalización orzamentaria destruíu tamén o equilibrio do transporte por estrada, xerando un déficit acumulado na conservación das estradas convencionais e autovías estatais que supera xa os 9.000 millóns de euros. Firmes esnaquizados, sinalización deficiente e parálises estruturais endémicas converteron a rede viaria de competencia estatal nunha trampa degradada, xusto onde se moven a inmensa maioría das mercadorías e do tráfico interurbano. O Estado priorizou o luxo duns poucos sobre a seguranza vial do conxunto da poboación.
O Estado español non pode soster financeira nin loxisticamente a trampa radial mentres estrangula os eixos Atlántico, Mediterráneo e Cantábrico
O mapa desta desaquelada política prexudicou nomeadamente ás nacións e territorios que Madrid alcuma “periféricos”. Na Catalunya, a degradación crónica das Rodalies deixou de ser unha falla técnica para se converter nunha aldraxe política continuada que paraliza a cotío a vida metropolitana. Semellante estrangulamento padece o Eixo Mediterráneo, que malia concentrar boa parte do PIB e das exportacións do Estado, segue a ser supeditado á prioridade política de conectar a Meseta co mar. Na fachada cantábrica, a falla de conexións competitivas botaron Asturies, Cantabria e Euskadi ao devalar ferroviario.
No caso de Galicia, a chegada do AVE non pode agochar a saturación do Eixo Atlántico ferroviario (Vigo-A Coruña), desbordado pola falla de trens nunha das contornas máis dinámicas da península ibérica, mentres Ferrol e o interior do país sofren un baleirado desolador. Por outra banda, a conexión con Portugal, fulcral para o acelerado desenvolvemento do occidente ibérico, segue demorada e o corredor europeo atlántico de mercadorías, esquecido. Padecemos tamén o colapso da rede viaria estatal, coa parálise crónica da autovía A-6 polos viadutos de Castro e o estado lamentábel da N-550 e da N-540. Os orzamentos estatais roubáronos os recursos necesarios para completar a nosa mobilidade capilar interna en troques de financiar a megalomanía centralista.
O Estado español non pode soster financeira nin loxisticamente a trampa radial mentres estrangula os eixos Atlántico, Mediterráneo e Cantábrico, abandona a rede viaria e pon en risco a seguranza dos pasaxeiros. Unha trampa radial fomentada a eito polo bipartidismo dinástico (PP/PSOE), coa plena conformidade tanto da extrema dereita como da esquerda estatal.
Compre superarmos a (i)lóxica radial para priorizarmos a conservación, a vertebración territorial e a proximidade. Doutro xeito, seguirán a se perder as oportunidades reais de desenvolvemento sustentábel. E, tamén, probábelmente, a ocorrer desgrazas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xoán Antón Pérez-Lema
A trampa da alta velocidade radial
Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
Prestige
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Preventiva y defensiva
Julia Navarro
Caos en Europa
Lo último
Seguridad vial
Avanzan las obras del nuevo camino entre Oímbra y Verín
Compromiso medioambiental
Os cativos da comarca de Monterrei cítanse para reforestar en Oímbra