Cando a soidade é epidemia

Publicado: 15 nov 2026 - 04:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Este é o título do libro que presentou o pasado 27 de outubro na libraría Tanco de Ourense o xornalista Domingo González, natural do concello da Teixeira e cunha longa traxectoria profesional na prensa escrita, na radio e na televisión. Foi director de TVE en Galicia e é autor de obras como Cáncer, verdad y esperanza e La radio informativa en España, entre outras. Agora, despois dun intenso traballo de investigación, preséntanos Viaje al país de la soledad, unha obra na que aborda un dos grandes problemas sociais do noso tempo: a soidade non desexada.

Hoxe, numerosas persoas maiores viven soas na súa propia terra como consecuencia daquela emigración e do posterior despoboamento"

Domingo coñece ben a súa terra e dedícalle un capítulo especialmente significativo, titulado “A Teixeira, la soledad no deseada del mundo rural”. Este pequeno concello, situado en plena Ribeira Sacra e con apenas 334 habitantes, é un exemplo do proceso de despoboamento que afecta a boa parte do interior galego. Pero o autor non limita a súa investigación a Galicia. Na súa actividade como xornalista percorreu tamén outros territorios de España afectados por este problema, recollendo testemuños e documentando unha realidade que se estende moito máis alá das nosas fronteiras. Con todo, en Galicia a soidade ten unhas características propias, estreitamente relacionadas coa nosa historia, coa emigración e coa desaparición do mundo rural.

Non falamos simplemente dun sentimento. Falamos tamén dunha realidade demográfica e social, pois Galicia é unha das comunidades máis avellentadas de España e conta con centos de miles de persoas que viven soas, moitas delas mulleres de idade avanzada. En numerosas aldeas e parroquias da Ribeira Sacra, por exemplo, unha muller pode contar con dous ou tres veciños nas proximidades e, malia iso, vivir nunha profunda soidade. Porque a soidade rural non sempre é elixida. Moitas veces vén dada polas circunstancias e agravada pola desaparición progresiva de todo aquilo que antes facía posible a vida en comunidade. É, dalgún xeito, o derradeiro capítulo da emigración: marcharon os fillos e quedaron as nais soas.

Durante séculos, a aldea galega foi moito máis ca un conxunto de casas. Era unha rede de relacións humanas, de axuda mutua e de convivencia. A malla, a matanza do porco, o muíño, os traballos compartidos e as xuntanzas veciñais constituían unha estrutura comunitaria que protexía as persoas do illamento. Hoxe, boa parte desa organización social desapareceu. Temos casas baleiras, aldeas sen nenos e unha dispersión da poboación que, en Galicia, se manifesta na existencia de máis de 30.000 entidades de poboación. Moitos dos veciños que permanecen nas aldeas viven en condicións de illamento. Non dispoñen de transporte público axeitado, nin de tendas, farmacias, bancos ou servizos médicos próximos. Calquera actividade cotiá pode converterse nun problema, especialmente para unha persoa maior que xa non poida conducir. Por iso, a soidade no rural galego ten tamén unha dimensión xeográfica. Non é só que unha persoa estea soa, é que toda a súa contorna sofre o despoboamento. E cando desaparece a comunidade, desaparece tamén aquela rede de apoio que durante xeracións permitiu afrontar colectivamente as dificultades da vida.

A soidade non desexada constitúe un grave problema de saúde pública. Pode favorecer a depresión, agravar enfermidades e aumentar o risco de morte prematura. Pero, en Galicia, ten ademais outra consecuencia que poucas veces se considera: a perda da nosa memoria colectiva. Cando unha persoa maior morre soa nunha aldea, con ela poden desaparecer coñecementos que nunca chegaron a escribirse. Vaise un dicionario de palabras, un repertorio de topónimos, de historias, de oficios e de saberes transmitidos oralmente durante séculos. Desaparecen lembranzas da emigración, dos traballos agrícolas, das formas de organización comunitaria, das festas, dos costumes e dunha maneira de entender a vida que xa dificilmente poderemos recuperar.

Por iso non estamos unicamente diante dunha problemática individual nin simplemente asistencial. Estamos diante dun problema de país, que afecta á saúde das persoas, á continuidade das comunidades e á conservación, transmisión e reprodución do noso patrimonio cultural. A soidade non desexada non se resolve simplemente acompañando durante unhas horas a quen vive só. Cómpre tamén preguntarse por que desapareceron as condicións sociais e materiais que antes facían posible vivir acompañado. E esa é unha das grandes cuestións que suscita o traballo de Domingo González.

Hai unha contradición dolorosa na historia recente de Galicia. Antes, moitos galegos emigraban para escapar da miseria e procurar unha vida mellor. Hoxe, numerosas persoas maiores viven soas na súa propia terra como consecuencia daquela emigración e do posterior despoboamento. Os fillos marcharon, as aldeas baleiráronse e os que quedaron foron chegando a maiores nun territorio cada vez máis desprovisto de vida comunitaria e de servizos. O que durante xeracións foi unha terra de partida converteuse, para moitos dos que permaneceron nela, nun lugar de espera en soidade.

Domingo González achéganos, co rigor do xornalista e a sensibilidade de quen coñece esta realidade, unha investigación que nos obriga a mirar de fronte un problema que demasiadas veces preferimos ignorar. O seu libro non recolle só historias de persoas que viven soas. Fala tamén dunha sociedade que foi perdendo os vínculos que antes as unían. E fainos lembrar que a soidade non é inevitable, nin debería aceptarse como o destino natural de quen se fai maior nunha aldea.

Viaje al país de la soledad é, en definitiva, unha viaxe que en Galicia moitos xa están facendo sen necesidade de moverse da casa. E quizais o máis triste sexa que, mentres esa viaxe continúa, tamén vai desaparecendo, sen que apenas fagamos nada por evitalo, unha parte fundamental da nosa memoria como pobo.

Contenido patrocinado

stats