Canseira cos incendios

Publicado: 02 ago 2026 - 03:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Averdade é que parece malo que nos habituemos ao ritual de sempre: avións, helicópteros, brigadas, risco, espectáculo, baduar político de culpas cruzadas, pois o único que conseguimos é tensar aínda máis a nosa sociedade, sen avanzar nada.

Un segredo que sabemos todos: aínda que o monte sempre ardeu, agora arde moitísimo porque o mundo cambiou moitísimo. E non me refiro só a que haxa 1,47 graos máis de temperatura media no mundo en 2024 -nada decisivo nos incendios- respecto da Era preindustrial, que é o que din as axencias climáticas. Refírome a que antes, cando o mundo era outro, a xente andaba apañando garabullos e piñas para facer lume na casa e a biomasa a arder no monte era moito menor, e vacas e ovellas e cabras limpaban as estremas dos camiños. A paisaxe rural de non hai tanto tempo era: casa con rosío na aldea, hortas, árbores de froita, cereal ou viño, prados para o gando e, finalmente, monte. E o monte -piñeiros, carballos, castiñeiros- estaba limpo porque se apañaba leña do chan para a cociña e se decotaban pólas ou se facían cortas para aproveitar a madeira. Hoxe, a maioría da paisaxe rural está composta por casas da aldea -ou ben “segundas vivendas” esparexidas- e monte, monte e monte. Non no sentido de bosque finlandés, senón de masa arbórea descontrolada. Ben sabemos o que é “estar a monte”. Ou sexa, sen cultivo nin coidado, sen uso económico -fóra do negocio de apagar o lume, claro- e lugar de caza ou apañar setas. O imperio do xabaril. E aí, uces, piornos, xestas, toxos, fentos, silvas son isca pronta á arder en canto chegue unha faísca dun tren, un rebote do sol nunha botella ciscada, unha cabicha, un pobre toliño que lle prenda, un asocial que queira mal aos veciños... E isto, meus, pásalles en Grecia, Francia, Italia e en todos os lugares do noso medio con procesos semellantes de abandono do rural.

E o cambio climático? Obviamente debemos ter un coidado co planeta como se fose culpa nosa. Para empezar, un tema de clima planetario, de ter resolución, nunca a tería desde o micronivel España. A influencia na marcha cotiá dos incendios na Península, de se o PP ou Vox asinan ou non asinan un “pacto de Estado fronte á emerxencia climática” ou calquera outra cousa, é semellante á influencia que tería unha declaración conxunta contra os desacougos dos cans por causa da eclipse do 12 de agosto. Non podemos tratar de buscar culpables -sempre do outro político- ao que é resultado dun proceso histórico. O abandono da sociedade de autoconsumo ou de comercio só de proximidade fronte á integración no mercado mundial, a concentración da poboación nas costa dos continentes, o cambio de combustible primario leña a petróleo, están aí. Responsable, que non culpable, é unha sociedade que cambiou o sacho pola pantalla do ordenador. Que cambiou a vaca e a bosta no camiño, polo coche veloz que vai ver a Panorama. Que compra patacas no súper que veñen de Exipto. Que viaxa en avión porque desexa coñecer mundo. Ou sexa, o responsable dos incendios é a forma de progreso na que estamos instalados. E non hai outra.

E debemos, pois, reconducir o tema, desde esa asunción colectiva. Ata aquí chegamos porque cambiamos a nosa forma de vivir, que podemos facer? E desdramaticemos no posible. Arde moito? Moitísimo. O ano pasado, en Sudán do Sur, máis de 10 millóns de Ha. Máis de 3,5 millóns en Canadá, máis de 3,2 en Siberia e algo parecido en Brasil. En Portugal, 220.000 Ha.,m e en España 280.000. Moitísimo, pero non toleemos. E como é un tema que produce canseira, en canto chega a evidencia doutro problema, como a pacífica invasión de Ceuta, desaparece da axenda. Nunca choveu que non escampase, nunca ardeu que non parase. Calma e escoitemos ós expertos, non ós amiguiños. O ano que vén, deus mediante, volveremos sobre o tema.

Contenido patrocinado

stats