Cantos Angrois nos quedan?

O AFIADOR

Publicado: 30 oct 2026 - 00:40
Lalo Pavón
Lalo Pavón | La Región

A última gran traxedia ferroviaria rexistrada o mércores na provincia de Toledo, con 69 mortos e 180 feridos de distinta gravidade, retrotráenos sobre todo aos galegos, invariablemente, a aquel fatídico 24 de xullo de 2013 en Angrois, cando un Alvia choutou pola trincheira tal chiva mecánica, co triste balance de 80 falecidos e máis dun cento de lesionados. As familias de quenes perderon a vida e os sobrevivintes terán estes días o corpo desacougado co estoupido rexistrado na estación de Urda, cando un tren se empotrou a gran velocidade contra outro que estaba parado. Hai cousas que nunca se esquecen por moito tempo que pase e basta calquera abaneo tráxico sobre as vías para que os dramas de cada quen desfilen nítidos pola memoria. Aínda hoxe, circular pola AP-9 á altura do Gaiás hacia a saída para Ourense, resulta inevitable volver a vista á dereita cara a Grandeira.

Daquela, a causa última do sinistro foi un despiste do maquinista, que viña falando por teléfono, pero sería inxusto deixalo aí, cando aqueles trens de última xeración tiñan desactivado o sistema de seguridade ERTMS (por decisión de Renfe), capaz de reducir os excesos de velocidade segundo as condicións da vía, evitando así o que resultou inevitable.

Volvendo a Urda, os expertos coinciden en que os dous trens accidentados están entre os máis seguros e fiables do mundo por tecnoloxía e prestacións. Nesa liña, o presidente do Goberno considerou dende o lugar dos feitos “inaceptable” que España sufra dous accidentes deste calibre nas suas infraestruturas no mesmo ano (Ademuz, o 18 de xaneiro, con 46 mortos e case trescentos feridos). Óscar Puente, ministro do ramo, pola sua parte, entende “inverosímil” que o centro de control autorizase a reanudación da marcha por parte do Ave que provocou o choque fatal.

Os dous fan sobrevoar as suas reflexións sobre o factor humano que, como no caso de Angrois, seguramente existe. Pero omiten que o sistema de seguridade automatizado dos Ave para entrar en funcionamento en caso de anomalía na línea está en fase de sustitución por outro máis moderno. Por algo será. Dende a ignorancia resulta incomprensible que en tempos nos que a tecnoloxía suple á intelixencia humana en moitos ámbitos, non exista un dispositivo que motu proprio corrixa ou alarme dun erro persoal ante unha disfunción de tal calibre que aboca a traxedias dantescas.

Ó mellor é tempo de que os equipos directivos de infraestruturas tan importantes estén soportados por especialistas na materia en vez de expertos en mitins ou en meter a tesoira enn investimentos clave; non facelo é unha avilantez que supón un tiro á liña de flotación dun soporte básico para a economía española. Ademáis, non podemos seguir almacenando sufrimento con cada novo Angrois.

Contenido patrocinado

stats