Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
“Enchoupados”
PENSAR POR PENSAR
Levamos máis de corenta anos vendo como Galicia arde durante os meses de verán. Antes e despois asistimos á desaparición de especies arbóreas autóctonas mentres os territorios se reforestaban con piñeiros e eucaliptos propicios para o lume. Sen moitos fundamentos escoitamos culpar dos incendios aos madeireiros, aos intereses de comunidades de montes, a disputas veciñais, a estratexias partidarias de organizacións políticas, a pirómanos presuntamente vinculados ás brigadas de extinción… lembramos a Romay Becaría mostrando pequenos paracaídas incendiarios e a foto de Feijóo bombeiro usando unha mangueiriña calzado con mocasíns, a policías detendo a anciáns desamparados, a aldeas desertas carbonizadas, a bombeiros accidentados e mortos… A epopea é tan ampla e dolorosa como os miles de argumentos esgrimidos en cada ocasión para saír do paso mentres chegaban as choivas de outono, desmantelábanse as brigadas contra incendios, esquecíase a prevención ou privatizaban os servizos. Todo iso coma se fora unha obstinada lei de vida sen remedio. Con todo sempre intuímos, ademais da incompetencia xestora, o desprezo cara ao hábitat en beneficio de intereses económicos hipócritas e espurios.
Recorro a semellantes exemplos para amosar como os conservadores (do capital, da industria e da especulación) executan políticas ambientais perversas tirando a pedra e escondendo a man
Hai outros moitos pero os incendios forestais son sen dúbida o maior exemplo de atentados contra a vida no planeta Terra desde Galicia. A eutrofización avanzada do Mar Menor na comunidade murciana como consecuencia da agricultura abusiva con fosfatos e nitratos, a inoperancia contra as sucesivas pingas frías ou Dana en València, o desamparo dos humidais en Andalucía, a proliferación de granxas intensivas en Castilla y León, a contaminación do aire en Madrid incumprindo impunemente o límite legal na xeración de dióxido de nitróxeno… Podería continuar enumerando, comunidade por comunidade, como se empezoña o presente e como en realidade envelenamos o futuro dos nosos descendentes. Limiteime a nomear estes territorios gobernados polo PP non por casualidade, xa que en todos os recunchos do país existen malos usos ambientais. Recorro a semellantes exemplos para amosar como os conservadores (do capital, da industria e da especulación) executan políticas ambientais perversas tirando a pedra e escondendo a man. E vén a colación polo paso dado no Parlamento Europeo ao unirse o PP español ás teorías da extrema dereita, deixando de lado aos seus iguais en Europa, para votar contra o Plan de Redución de Emisións Contaminantes do 90% en 2040.
Foi unha sorpresa? Ao meu modo de ver trátase do uso da indolencia reflectido máis arriba e a unha nova adhesión ás teorías de Vox contra o Pacto Verde Europeo, creado co obxectivo de lograr a neutralidade climática para 2050. Longo mo fiades! Por esta actuación parlamentaria teño escoitado dicir que o PP carece de políticas ambientais, que foi unha cesión máis para conseguir o apoio de Vox nas Corts Valencianes, que xa se conforman cun futuro inevitable de irmandade entre Feijóo e Abascal. Todo pode ser, visto o uso do curto prazo empregado para rabuñar o poder sen ensinar ás claras cal é o proxecto de país conservador gardado no cartafol azul de Núñez & Tellado ditado por Aznar. Con esta actuación no Parlamento Europeo o PP dá un paso máis na renuncia para ser un partido centrado e segue poñendo alfombras azuis para que Vox se empodere camiño da Moncloa. Así as cousas estremece comprobar como Núñez Feijóo e os seus venden a destrución do planeta por un prato de lentellas. Supoñendo que os votantes responsables estean de acordo e non lle dean as costas chegadas as eleccións.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
“Enchoupados”
Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
Los ourensanos en el Tercio de Gallegos que defendió Buenos Aires
Jorge Ron
LA OPINIÓN
Mejor tarde…
Antonio Casado
Fallido funeral de Estado
Lo último
BENEFICIOS DE LA TIERRA Y EL VIENTO
Alfonso Rueda promueve el despliegue eólico para "mantener el liderazgo de Galicia en el sector"