Cara unha sociedade multirracial

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 11 nov 2026 - 01:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Cando este artigo vexa a luz estaremos celebrando un acto social moi arraigado nesta provincia: o magosto. Nesta festa, na socialización e nas conversas onde, ademais de divertirse, fálase de todo, hoxe propoño que lle demos unha volta ó camiño que leva esta nosa sociedade e á convivencia que xa temos cos emigrantes, moitos deles doutras razas e crenzas relixiosas. Esa realidade lévanos a falar se camiñamos cara unha sociedade aberta, multirracial e cultural.

O termo aldea global empregado para nomear ó planeta no que vivimos cada día está máis estendido. A sociedade na súa totalidade entende que na terra hai un conxunto de espazos xeográficos que nunca viviron independentes entre si, pois todos os lugares dalgunha maneira dende a antigüidade tiveron relacións comerciais. Isto lévanos a entender que o comercio, en certa medida, foi a forza que moveu o mundo. Mais esta realidade estase acelerando coa chamada globalización. Deseñamos nun país, fabricamos noutro e vendemos en diversos lugares.

Lembremos: primeiro globalizáronse as comunicacións, logo a economía e agora tócalle a outros espazos da vida social e laboral. Escoito a grupos políticos ultras que predican o odio ó diferente culpándoo de todos os males que temos como Estado. E iso faise case sempre cargando contra os negros ou africanos. As demais razas xa reciben un trato diferente.

Outro termo que empregan estes grupos está relacionado coa chamada economía autárquica. Dado que din que, poño por caso: España soamente para os españois. Ou que nada ten que vir doutros lugares, tanto produtos como persoas. Ampliando o concepto detrás de estas afirmacións agóchase a ideoloxía do “poder branco” sobre as demais razas.

Estes e outros conceptos sociais e relixiosos son os que aparecen no abano de propostas deses grupos que, a día de hoxe, comezan a campar na vella Europa e en moitas cidades desta península. Supoño que moitos dos que se deixan levar por esta xente descoñecen que, na mesma península ibérica, a mesturanza de razas e credos que houbo a través dos séculos foi moi importante. Non somos herdeiros dunha única raza pura nin podemos falar de raza como se falaba no franquismo. Somo a mesturanza de anos de cruces e convivencia, de loitas e de evolucións incluso relixiosas.

Mais nos tempos que corren, debido á tecnoloxía das comunicacións, hoxe todo está relacionado. E non queda outra que pechar o círculo na parte social nesta aldea global. Polo que camiñamos, queirámolo ou non, cara sociedades multirraciais e culturais e incluso relixiosas. A día de hoxe, está comprobado que ó falar de economía, calquera acontecemento que afecte a un produto que se considera esencial para mover o mundo como hoxe é o caso do petróleo, repercute en todas as economías e como consecuencia na carteira dos cidadáns. Si, de todos nós. Pois ben, se iso é así, non queda outra que comezar a entender que camiñamos cara unha sociedade diferente á que temos a día de hoxe. E todos eses predicadores das razas puras terán que aceptar que camiñan errados, pois a realidade obriga e vai por outros vieiros.

Contenido patrocinado

stats