Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Decidiremos nós
TÍA MANUELA
Fóra da casa tronaba e os tronos escoitábanse nos cuartos, na cociña e no escritorio. No curral e nas cortes do gando, moito máis, metían medo. O son dos tronos entraba na casa polo teito e polas ventás de madeira, polas regañas das portas, polos ouvidos da xente e polo sentir daquela xente amedrentada, case morta de medo. Tronaba e chovía sen parar. Era unha situación perigosamente arriscada, invadida polo barullo, polo medo á nada. A esa nada que se achegaba e deixaba á xente sen fala, sen capacidade de falar e, polo tanto, sen comunicación e sen mirada. Todo era verde escuro ou negro.
Decontado, naquela negrura desacougante e infinita, soa a campá. Unha campá de bronce, como as do obradoiro Ocampo de Arcos da Condesa, centenario e milagreiro dende a súa orixe, coa mesma guía de construción do seu fundador, a principios do século dezasete. Ao soar esta campá recorda os tempos pasados, enumera as súas funcións de aviso e acompañamento, resoa de novo e envolve, co son e o aire, as miradas e o pensamento dos presentes. É arte, é memoria e é reflexión do que fomos e podemos ser outra vez.
Ver as campás penduradas dos campanarios é unha verdadeira ledicia. Se miras para elas e as escoitas (aínda que non toquen) tes a impresión de que estás na parroquia falando coa xente, vendo á xente, escoitando o falar da xente que cala, ouvindo aos mortos que respiran no camposanto e apalpando o son coas dúas mans. Estas escoitando o “dan darán”.
Tamén os políticos andan en plena acción co “dan e dan”. Escoitan tocar a campá e alá van correndo e falando, prometendo, anunciando e insultando. Hai quen di que, nestas épocas electorais, os aspirantes a algún cargo (ou a mantelo), a algún nomeamento ou á nada, andan asubiando e outeando por baixo dos campanarios, como se a xente non tivera que facer.
Uns din que si e os outros arrancan inmediatamente e din que non. Aí está un dos problemas dos que teñen a política como a súa profesión. En verdade, non parecen desta terra, onde a cidadanía sabe que, antes de opinar, cómpre pensar, reflexionar, escoitar e interpretar. Despois, a mesma cidadanía é a quen lle corresponde decidir. E, como di a yía Manuela: “Nas eleccións vindeiras, aínda que non lles guste, decidiremos nós”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Decidiremos nós
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
No todos son iguales
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
9,5 años de resaca
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Entra en escena el juego sucio
Lo último
PRESIÓN ARTERIAL
La sal de potasio evitaría tres millones de muertes al año
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 11 de noviembre
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 11 de noviembre