Carta aberta a un neno e a unha nena

Esta carta aberta está escrita para o futuro e ten como destinatarios unha nena de vinte meses que comeza a pronunciar palabras no seu idioma matriarcal e un neno de dez que ven por trás e que ha seguir dun xeito natural o mesmo itinerario.

Publicado: 25 jul 2026 - 17:00
Un neno e unha nena
Un neno e unha nena | La Región

Benqueridos Aldara e Simón:

Escríbovos esta carta aberta coa recomendación implícita ós vosos pais para que a garden nun andel entre os libros a fin de que vola dean a ler cando xa teñades activado iso que se ten dado en chamar sentido interpretativo derivado da comprensión lectora.

É dicir, escríbovos para cando teña pasado máis ou menos o mesmo tempo que media entre o acto ó que asistín hai tan só dúas semanas na Cidade da Cultura -que é o que motiva esta carta- e outro moi semellante que tivo lugar dúas décadas atrás (para vos serán 40 anos), destinados ámbolos dous a tratar de ganarlle unha batalla ó imposible no tocante ó idioma que ambos comezastes a escoitar nos vosos entornos familiares dende o mesmo intre do voso nacemento e que tú, Aldara, andas, xa por estas, en condicións de pronunciar cunha dilixencia que sorprende para o tempo que tes.

E vouno facer contándovos un conto do que fun testemuña nese devandito evento, tan próximo para min, como afastado no tempo para vos.

Velaí:

Aconteceu o relato, o pasado 15 de xullo, día no que se conmemoraba -o conselleiro dixo, celebraba- o 141 cabodano da inmorrente e admirada Rosalía.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tíñanos convocado a un milleiro de persoas de toda caste e condición que acudimos en representación de moi diversos colectivos sociais, económicos, culturais e educativos, así como das outras administracións que se reparten polo territorio e que procediamos dos catro puntos cardinais galegos, tanto urbanos, como periurbanos, rurais ou de montaña, para informarnos -máis que darnos a coñecer- da inminente posta en marcha dun «Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega» que viña a substituír ó de vinte anos atrás e co que o goberno galego pretende «impulsar o noso idioma en toda a sociedade» no novo contexto político, social e tecnolóxico no que nos movemos, alertados, seica, por unha alarmante perda de presenza cotiá da lingua natural que teñen vido tallando, palabra por palabra, os nosos devanceiros dende hai máis de dous milenios e que, como ben dicía Castelao, nos define como pobo.

Agnóstico, por principios, como son e empiricamente escéptico, como me ten feito a realidade sociolingüística do país ó longo das derradeiras catro décadas, cheguei á sala onde ía ter lugar o multitudinario encontro, completamente abatido ó ir escoitando o idioma no que se expresaban aqueles que, coma min, camiñaban cara o salón e que non facían máis ca reforzar as case apocalípticas estatísticas que seguramente nos darían a coñecer na presentación.

Logo, non falaron nada diso. Sen embargo, déronlle voz a un rapaz venezolano-galego que me emocionou, a outro chinés que me engaiolou e unha moza inglesa que me fascinou polo esforzo que levan feito, os tres, para coñecer e utilizar unha lingua que, sen embargo, para milleiros de pais e nais galegos de nación, non vale absolutamente para nada!

E digo isto porque, mentres eles facían declaración de amor platónico pola nosa lingua, ó meu arredor mesturábanse conversas nun castelán que podería mimetizarse perfectamente co que se escoita na Praza Maior de Valladolid se un vai de tapas.

Entón pensei nas setecentas accións que din que van aplicar por tódolos entornos sociais e por toda a xeografía galega para que dentro de vinte anos Galicia -como di o incansable Xosé González- volva estar galeguizada.

Pensei niso e pensei na clase política incardinada nos tres principais partidos, que agora xa contan con outra brincadeira para xustificaren os seus salarios. E dun xeito especial pensei no Parlamento -repito, o Parlamento, ou sexa o escenario onde se fala- de Galicia e o lugar onde teoricamente van pulir e darlle esplendor á norma e onde, por non contar, nin contan cuns lingüistas que lles impartan uns cursos elementais cando toman posesión dos seus escanos para que non fagan sangue cada vez que falan o que tanto lles custou elaborar ás xeracións que nos precederon, xeracións paradoxalmente iletradas.

E digo isto porque, mentres eles facían declaración de amor platónico pola nosa lingua, ó meu arredor mesturábanse conversas nun castelán que podería mimetizarse perfectamente co que se escoita na Praza Maior de Valladolid se un vai de tapas.

E tamén pensei nos medios de comunicación -fundamentalmente os públicos- que transformaron á xeración «Xabarín» nunha sorte de Santa Compaña e hoxe non só provocan xenreira ó escoitalos, senón que acaban enchendo as salas dos otorrinos polo dano que lle fan ó oído.

E tamén pensei nas escolas, esas burbullas transmisoras de coñecemento coas que levamos catro décadas cometendo un delito de deixación de funcións por ter depositado nelas o futuro do idioma, cando o futuro do idioma soamente estará garantido no momento no que arrinquemos esa venda que filtra a nosa ollada coa palabra hipocrisía.

Pensei niso e pensei en que, das setecentas medidas -que loxicamente eu tampouco lin- eu proporía que se concentrara nunha soa, a da transmisión interxeracional e no canto de meterlle polos ollos ós nenos e ás nenas unha lingua, coma se fose unha simple materia escolar, crearía escolas de pais nas que conciencialos de que se impresionante é a catedral de Santiago, construída pedra a pedra, moito máis impresionante é a lingua galega, traballada palabra por palabra por centos de xeracións, que no la trouxeron ata nós transmitíndoa humildemente á calor familiar na casiña.

Agardo, pois, queridos, ambos, que para cando poidades ler isto, todo o esforzo e todo o amor co que os vosos pais vos están transmitindo o noso idioma, non teña sido baldío e demostre que estamos no certo os que pensamos que só con esa acción, as outras 699 sobran.

Contenido patrocinado

stats