A Casa dos Méndez

CAMPO DO DESAFÍO

Publicado: 25 oct 2025 - 02:55
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Alegreime de ver ós artistas ourensáns concentrados diante da Casa dos Méndez, agora clausurado Museo Municipal de Ourense. Alegreime por eles, pola súa unión, e tamén, claro, por facelo nas portas da vella casa familiar, na parte ben cativa que me toca ou tocaba, do antigo solar da rúa da Obra, despois rúa Lepanto. Da Casa dos Méndez gardo algunhas lembranzas, anteriores á súa conversión en Museo. Recordo un patio interior pavimentado, ó estilo tradicional ourensán, con pequenos coios do río e unha magnífica escaleira exterior de pedra que ascendía ó primeiro andar. Meu pai contaba que, na súa nenez, lembraba nesta escaleira un ancho cordón forrado de veludo vermello que ascendía fixado ao muro lateral, color que non desmerecería da tradición fidalga e sobre todo eclesiástica dos residentes da casa.

No exterior, xunto as labras heráldicas dos Méndez, Montoto e Villamarín, todas elas posiblemente posteriores ó momento da construcción da fachada e agora agredidas por unhas planchas de metacrilato municipal atornilladas á fachada, acumúlanse sombrillas, mesas e cadeiras da hostelería do entorno que ocultan, feren e asfixian a airosa nobleza do edificio. Neste solar, que cecáis chegara á rúa Fornos, estaban xa as casas orixinais do Méndez que participara na Gran Revolta Irmandiña de 1467-1469 e, en concreto, no asedio de Ponferrada contra o conde de Lemos. Sería Francisco Méndez, xa na primeira metade do siglo XVI, quen mandara tamén levantar a capilla dos Remedios, xunto á Ponte Maior e o Campo do Desafío, e quen continuado pola enérxica acción do seu fillo, Alonso Méndez Montoto, asentaron ata a práctica actualidade, a súa estirpe na constante inmediatez da catedral de san Martín.

A arte e os artistas precisan de lugares de encontro, de exposición e de contraste de ideas e sensibilidades

Agora, os artistas de Ourense reclaman con xustiza a apertura da Casa reconvertida en Museo nominal da cidade. A arte e os artistas precisan de lugares de encontro, de exposición e de contraste de ideas e sensibilidades. A tradición cultural e artística de Ourense é un patrimonio colectivo máis proclamado que coñecido, máis loado que mostrado, máis fabulado que examinado pola crítica. A densidade do censo de artistas, de intelectuais, de poetas e literatos, pasados e presentes, necesita dun lugar de exposición permanente, dun espacio de reflexión e discusión, un ámbito donde encontrarse e mostrar proxectos, ideas da sempre inqueda e renovada vida cultural do país e, por suposto, aberta ás experiencias e logros da contemporaneidade universal.

O Museo Municipal, o tamén futuro Arqueolóxico, o Centro Marcos Valcárcel e as sás de Afundación, na praza Maior, formarán un cuadrilátero de realizacións do pasado, presente e futuro da nosa cultura cun potencial xerminador e de atracción moi a ter en conta. A Casa dos Méndez, respectando a súa impronta histórica e arquitectónica, é un dos vértices desta expectativa cultural e de futuro.

Contenido patrocinado

stats