Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
O actual debate sobre se Castelao debe ser recoñecido como primeiro presidente de Galicia desacóugame. Porque é utilizado como “arma” na loita política cotiá; ou sexa, puro “ruído”. Xa escribira hai dous anos do tema, “Castelao presidente?”. Agora volvo mallar no ferro.
Todas as comunidades con vocación identitaria precisan mitos. Tanto ten que sexan territoriais -nacións, cidades...- como de afectos -literatura, música, deportes...-. E os mitos evolucionan. Se na Enciclopedia Álvarez teimaban con Viriato, celtíberos, Numancia, o Cid..., na construción do discurso galeguista aparecen Breogán, os celtas, o Medulio, os Irmandiños... Se en Italia literatura é Dante; en Alemaña, Goethe; en España, Cervantes; en Inglaterra, Shakespeare; en Galicia, Rosalía. Se Agustina de Aragón é Zaragoza; María Pita, Coruña. Si. Porque hai persoas que transcenden a materialidade e logran elevarse a mitos de referencia por unhas vidas que se van recreando na memoria. Eses referentes son transversais e asumidos colectivamente, teñen vida como mitos e non hai que enzoufalos na actualidade. ¿Imaxina alguén que se acuse a Rosalía de Castro de traidora porque despois de Cantares Gallegos e Follas Novas se pasase ao castelán en En las orillas del Sar e dixese que nunca volvería escribir en galego? Non sería xusto nin necesario.
Un problema na construción de mitos son os marcos, ou sexa ata onde podemos chegar nas reivindicacións de memoria sen mentir, porque non interesa unha identidade asentada en falsidades.
Rosalía, xa que citei ao noso tótem do XIX, pode e debe recibir todas as gabanzas do mundo, pero que non conseguise un título que non había daquela -miss Galicia ou catedrática de Literatura-, non lle resta unha areixa da súa grandeza e transcendencia. Castelao, o noso tótem do XX, debe recibir todas as gabanzas do mundo, pero non foi presidente de Galicia e non puido optar a selo porque non existía tal entidade administrativa, nin houbo eleccións para ela; pero que non o fose, non lle resta unha areixa da súa grandeza e transcendencia.
O debate sobre a importancia do Consello de Galicia, entidade conxuntural creada en 1944 polos galeguistas en Buenos Aires, por consello de Aguirre, o lendakari vasco no exilio, para a eventualidade da caída de Franco ao acabar a II Guerra Mundial, e que el presidiu, é tema de historiadores.
Pero a realidade é que nin representou á maioría dos exiliados, nin pretendeu nin tivo facultades de goberno. A hábil idea de Aguirre era que Galicia “xogase ao arrimado” e xuntase a súa voz cun “amodo de goberno” xunto cos gobernos no exilio de Cataluña e Euskadi -con autonomías plenas funcionado cando a guerra- e así lograr convencer aos seus amigos norteamericanos de que a mellor estruturación da III República -que seguiría á caída de Franco- sería a federal.
Pero Franco fíxose máis amigo dos americanos có PNV, e non caeu. Castelao finou en 1950 e aquel conto morreu. E aínda que nos inicios dos sesenta tratasen de revitalizalo; a elite cultural galeguista local -digamos Seoane, Lorenzo Varela, Blanco Amor...- nunca quixo saber nada.
E en Galicia, nin o grupo Galaxia, nin os nacionalistas lle fixeron o mínimo caso. Na II República escollíanse 48 deputados en Galicia; e da ducia exiliada, só tres ou catro amigos de Castelao se sumaron á idea do Consello.
O Parlamento xa recoñeceu a Castelao no 2023 como “presidente do Consello de Galicia e precursor do noso autogoberno”, e ben está, pois iso é certo. Que fose nalgún momento presidente de Galicia non só é falso senón que é divisionista tratar de reivindicalo como tal. Recoñecer o Consello de Galiza como goberno no exilio, unha terxiversación da historia e da vontade da maioría dos deputados daquel tempo. Os presidentes deben saír das urnas, non do corazón.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
AL MENOS UN HERIDO
Una colisión entre dos coches provoca retenciones en Rabo de Galo, Ourense
CÚMULO DE LESIONES
Totó, el pulmón del Allariz
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior