El cautivo

¡BUONE VISION!

Publicado: 26 sep 2025 - 01:05

Escena de El cautivo.
Escena de El cautivo.

Volve ás pantallas un dos directores españois máis coñecidos dentro e fora de España: Alejandro Amenábar. Regresa ao drama histórico, un xénero co cal xa se confrontou con Ágora (2009), ambientado no século IV arredor da biblioteca de Alexandría, e na súa longametraxe anterior, Mientras dure la guerra (2019), sobre o papel do escritor Miguel de Unamuno no verán do 1936. As películas de Amenábar relacionadas coa historia parecen estar ligadas de forma indisoluble á literatura, ou mellor, á Palabra. As letras parecen ser o único punto sólido, o salvable dentro das vivencias sen sentido e das baixezas perpetradas polo ser humano a través dos séculos.

Nesta nova longametraxe, El cautivo, Alejandro Amenábar intenta encher uns ocos da biografía de Miguel de Cervantes. Precisamente os cinco anos desde que foi capturado en alta mar por corsarios berberiscos e aprisionado en Argel como rehén. O punto de partida do filme baséase nuns poucos datos históricos realmente documentados, como por exemplo o feito que o autor do Quixote emprendeu varios intentos de fuga ata que el e outros compañeiros foron liberados finalmente en 1580 por uns frades. Por outro lado, o cineasta emprende o camiño da ficción, por exemplo relatando unha relación ambigua de Cervantes co personaxe de Hasán Bajá, o gobernante da cosmopolita cidade de Argel, un tema que está a xerar moito debate. Aínda que existen probas que o gobernador tratou ao escritor con certa indulxencia, non se sabe a real relación que tiveron entre eles. Ao igual, Amenábar conta como esta experiencia marcou ao autor ata o punto de inspirar nel a semente do Quixote. No filme hai continuas referencias aos obxectos e aos personaxes da súa obra máis popular, pero estamos sempre no territorio da ficción.

El cautivo é, ante todo, unha película que intenta achegarse á sensibilidade dunha recoñecida figura literaria. O filme aproxímase a un escritor venerado e consolidado ao longo da historia para devolvelo aos nosos ollos máis humano.

Para cumprir esta operación, Amenábar ponse ao servizo dos actores e do guión. Constrúe un relato histórico biográfico ficcionado, cunha narrativa lineal e desposuída de artificios e narcisismos. El cautivo é un filme destinado ás grandes audiencias e probablemente moitos atoparán nel a ilusión de volver a ler as aventuras do Enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha. Porque o que transmite mellor o filme, máis aló das pulsións homoeróticas dos protagonistas ou da fidelidade a algún documento histórico, é o poder salvador da palabra: a fabulación como instrumento de liberdade. Podemos sobrevoar certas reconstrucións kitsch, ou a mesma linguaxe cinematográfica do filme que, en distintos momentos, é tan minimalista e purgada de pretensións autorais que parece máis ben como TV movie. O reparto artístico case exclusivamente masculino compre bastante ben as súas funcións e a fotografía é algo máis que correcta. El cautivo gustará aos espectadores na procura dunha boa historia, clara, ben contada, e sen grandes complicacións.

Contenido patrocinado

stats