Os centinelas da ética

O AFIADOR

Publicado: 05 abr 2026 - 03:25
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A aplicación da eutanasia puxo no candeleiro o caso de Noelia del Castillo, unha moza de 25 anos, que levaba dous clamando polo dereito a pór fin á sua vida, despois de sufrir experiencias traumáticas na sua curta existencia que lle deixaron un ronsel de secuelas físicas e psíquicas, que se sentíu incapaz de soportar. O seu calvario non lle pareceu suficiente ao colectivo ultracatólico Abogados Cristianos, que utilizando ao pai da solicitante -ou ao revés-, entablaron unha cruenta guerra para anular a decisión dos médicos, dos tribunais e, en definitiva, tratando de trufar o desexo de Noelia.

Curiosamente, o colectivo mentado -que seica non ten ánimo de lucro- proclama como declaración de principios actuar “en defensa da vida, a familia e a liberdade relixiosa dende o marco legal”, pero actúan tal que comando xusticieiro contra quenes non comparten a “sua” idea da vida, da familia ou a relixión. Curioso resulta, tamén, que sendo o suicidio unha decisión íntima, libérrima e a salvo de calquera devaneo legal punitivo e sendo, dicía, tan militantes na legalidade, se mostren tan belicosos cos incapacitados para exercela por si mesmos.

A aplicación da eutanasia puxo no candeleiro o caso de Noelia del Castillo, unha moza de 25 anos, que levaba dous clamando polo dereito a pór fin á sua vida, despois de sufrir experiencias traumáticas na sua curta existencia que lle deixaron un ronsel de secuelas físicas e psíquicas, que se sentíu incapaz de soportar

Se algo faltaba, agora, a Casa Blanca seica ordenou á embaixada norteamericana en Madrid a procura de información sobre a actuación das autoridades españolas no caso de Noelia. Eramos poucos e pariu a avoa¡ Non había dubidas de que a batalla arredor de Noelia se ventilou nos tribunais contra decisións de profesionais na materia, sin que se atisbara a presencia de “autoridade española” algunha. Un tal Riley Barnes, do Departamento de Estado norteamericano, amosa a preocupación da Casa Blanca “pola protección dos dereitos humanos neste tipo de procedementos”.

Se cadra, os Abogados Cristianos, tan meticulosos na defensa da legalidade, dispoñen dun canal de comunicación coa Administración Trump; se así fose, poden transmitirlle a este Barnes e a todos os centinelas da ética, que en Irán, en Gaza, no Líbano, en Venezuela -e en Cuba cando sexa o caso-, centos de miles de cidadans foron e están sendo fulminados, sen que eles o pediran, polas bombas e metralletas do exército que manda ese Goberno tan preocupado polos dereitos humanos en España. E se non se enteraron, tamén da caza e captura desplegada no seu propio país contra a inmigración. É posible que unhas e outras vítimas non sexan consideradas persoas humanas, pero vida sí que tiñan, así que farían un gran labor se deixasen de matar inocentes. A maioría da humanidade agradeceríanllelo e a paz mundial tamén, aínda que a todos os mortos lles chegue tarde e Noelia tardara dous anos en obter o descanso que reclamaba.

Contenido patrocinado

stats