Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Ao facer comparacións entre Galiza e Madrid, analizando a evolución de ambos territorios no último século, comprobase que os resultados son negativos pra o noso país en termos demográficos, de PIB, de renda por persoa. Unha tendencia que se deu con todos os governos do Estado, sexan de esquerda ou dereita, evidentemente non na mesma intensidade. Mais todos deron pulo ao centralismo, sustentado na capitalidade e nunhas vías de comunicación moi condicionadas pola localización do poder político. Polo tanto, de pouco serviu que a nación galega tivese unha extensa costa e un clima sen situacións extremas, nen que fose lóxica unha conexión por ferrocarril rápida con Francia, e sobre todo con Portugal, con cuxa parte norte formamos un espazo cultural e económico común. Hai proxectos dos que se fala hai décadas mais que nunca se concretan.
O centralismo adaptouse pra manter o trato desigual no proceso de globalización neoliberal. Así un discurso que en aparencia respecta a pluralidade nacional de cada estado, na práctica é unha vía morta pra todo proceso que altere o trato desigual entre centro e periferia
Vexamos algunhas estatísticas. Hai un século, no ano 1920 o noso país representaba o 10,69% da povoación do Estado español (EE) e Madrid o 4,78%; en 1973 a porcentaxe era do 7,78% e 11,56% respectivamente, deixando en evidencia a aposta centralista da ditadura franquista. Mais medio século despois, aínda que esta tendencia tivese un menor pulo, por mor da democracia formal e a autonomía, no ano 2024 a povoación galega xa só representaba o 5,56% no EE e a de Madrid o 14,51%, ou sexa: agravouse a tendencia dominante regresiva pra Galiza, propia dunha economía periférica, cun papel subordinado.
Dirase que non se pode obviar que a principios do século XX aínda a economía galega estaba constituída en gran medida por unha agricultura de subsistencia, e só algunhas industrias destacábeis como a Bazán en Ferrol, Tabacalera na Coruña, e o empuxe da actividade pesqueira e conserveiras na costa, especialmente nas rías... daquela a forte emigración primeiro a América e logo a Europa. Mais, mesmo con estas eivas Galiza representaba en 1921 o 7,5% do PIB do EE; Madrid o 8,27%. Ou sexa tiñamos aínda un peso económico e político a ter en conta. No ano 1973, ao final do franquismo, era do 5,96% e 16,37% respectivamente. A esta altura, malia estarmos nunha etapa de industrialización, Galiza perdera poder económico e peso demográfico, e polo tanto de incidencia política na chamada “transición democrática”, malia destacar nas protestas labregas, obreiras, estudantís.
Os datos anteriores deixan en evidencia o carácter subalterno que cumpriu Galiza, e cumpre, e as razóns da emigración en masa. Esta situación non se reverteu, aínda que perdese intensidade nas últimas décadas, dado que no ano 2023 o PIB galego era do 5,16% do EE (compárese co 7,5% en 1921), e o de Madrid xa atinxía o 19,56% do total. Un centralismo que é tamén evidente no movemento de capitais, de radicación das sedes das empresas, unha tendencia que non atinxe só a Galiza senón tamén a outros territorios e nacionalidades do EE.
As políticas centralistas non mudaron coa integración na Unión Europea, senón que o centralismo adaptouse pra manter o trato desigual no proceso de globalización neoliberal. Así un discurso que en aparencia respecta a pluralidade nacional de cada estado, na práctica é unha vía morta pra todo proceso que altere o trato desigual entre centro e periferia. Na conxuntura actual, mais unha vez, este escenario tan favorábel aos centros de poder e ás grandes empresas e fortunas está en cuestión no mundo, tanto polo peso que adquiriron as potencias emerxentes e rexionais, como pola profunda crise da globalización neoliberal (precariedade laboral, emigracións masivas, desfeita climática, militarización, esgotamento de materias primas...). Estamos en tempos de cambios, que cómpre que sexan estruturais, tanto no relativo á xustiza social, como de respecto dos dereitos das nacionalidades, como ás relacións entre países.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último