Antonio Casado
Cumbre de la desunión europea
Cando clarexa algunha destas noites primaverais dá gusto -pasado o empardecer e debecida de todo a luz- ollar para a inmensidade celeste. Observar cara arriba, só con erguer o pescozo, fixando os ollos na insondable inmensidade. Este sinxelo exercicio ofrécenos, sen necesidade de telescopios nin doutros instrumentos de aumento e precisión, unha paz diferente. Sóbenos axiña, acompasada cos folgos, a serenidade de ánimo, a calma interior que nos eleva decontado. Chega a reflexión e outros sentimentos circulares, produto da paciencia e da ansia de saber máis; de aprender. O ceo é o símbolo de todos os símbolos, o máis universal e conmovedor. Pódese considerar como a manifestación directa da trascendencia ou como algo inalcanzable e marabilloso. O ceo dá sempre que pensar.
Nacín na Veiga, onde case se tocan as estrelas, amo Pena Trevinca, cumio de Galicia coas millores noites de ceo aberto
O seu modo, o xeito celestial, é unha hierofanía inagotable. Todo o que acadamos a ver e imaxinar, son manifestacións siderais que, para algúns, trascenden ó sagrado. O home primitivo entendeu que a natureza podía ser terrible ou fermosa. De aí a necesidade dun ser superior capaz de dominala. Tíñalle medo ós tronos e ás treboadas, tremía co frío e procuraba o lume, fuxía dos raios e agóchabase nas covas, ría e choutaba diante do arco da vella, adoraba ó sol e á lúa, cantaba e danzaba coa chegada das chuvias, regardábase do vento... O ceo era o pai de todos os reis e señores terráqueos. Ata os máis poderosos dependían da orde cósmica. Os deuses tamén eran fillos do ceo. A xerarquía terreal organizouse segundo o modelo das potencias superiores, elevadas. Estas podían ser benévolas ou destrutoras. No universo era onde se gardaban os meirandes segredos, a maxia e a sabedoría viñan de arriba; alí estaba marcado o destino de cada quen. Todo acontecía pola acción do Ceo sobor da Terra. A penetración dun noutra, semellante á cópula sexual, inzaba o mundo de seres humanos ou, no simbolismo propio da alquimia interna, era o embrión inmortal. Cando tocou facer a interpretación bíblica do ceo -identificado naturalmente coa divinidade- no grupo no que estabamos lereando, pensei de inmediato en Atheán. Non percibira que o anxo estivese alí connosco. Equivoqueime. Soubeno cando se incorporou á conversa un contertulio que ata entón permanecera calado. Recoñecino en canto comezou a falar -coma noutras tantas ocasións- pola tonalidade da voz. Era o ton sereo e maino do meu amigo anxo. Certo que de primeiras pasara desapercibido, mais ó observalo de preto descubrín un individuo abondo peculiar. Boteille, así polo alto, setenta e poucos anos. De pelo branco, peiteado cara atrás, vestía informal, gastaba grosos lentes de miope e notóuselle, na súa intervención, esa ansia sintetizadora e didáctica dos bos profesores. Aclarounos que non era teólogo, pero si crente e moi interesado nas deidades aztecas. Estraña presentación.
Sen máis prolegómenos nin arrodeos, resumiu que no Apocalípse o ceo era a morada de Deus. Unha maneira de distinguir entre o Creador e a súa creación. Nas relacións entre Deus e os homes entraba o ceo. En canto isto cambeou, tras a encarnación de Xesucristro, o sistema mudou e xurdiu un novo relato. Trátase da renovación universal, que daría comezo á era mesiánica. Transfórmase por enteiro o vínculo entre creación e Deus. Interesante foi a información de que na época histórica (1000 anos d.C) os aztecas crian en nove ceos e en nove mundos inferiores. O nove era o seu número sagrado. As pirámides tiñan nove pisos. Eles mesmos acabaron reemprazando, despoixa, a cosmoloxía de pisos por un sistema de capas. E así, aumentaron os ceos a trece, mantendo en nove os mundos inferiores. E dicir, os que baixan ó inferno.
Aplaudimos a aportación -ben chusqueira, por certo- de Atheán, dita por boca do vello profesor. Este, sumamente educado, agradeceu o bater de palmas cunha lene inclinación da cabeza e coas maus xuntas e dereitas. Aceno moi oriental. Cando se desfixo a xuntanza, achegueime a il para despedirme, reiterarlle os meus parabéns e preguntarlle de onde era. Estreitoume a mau cun talante cordial, E axustando os lentes no nariz, contestou sorrindo: -Home, de onde vou ser? Nacín na Veiga, onde case se tocan as estrelas, amo Pena Trevinca, cumio de Galicia coas millores noites de ceo aberto, Destino Starlight, e son devoto do San Bieito da Coba do Lobo, en Barbadás. Subo alí cada once de xullo-.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Antonio Casado
Cumbre de la desunión europea
Plácido Blanco Bembibre
HISTORIAS INCREÍBLES
Navidad o la fragilidad de Dios
Jesús Prieto Guijo
LA OPINIÓN
Parricidio en El Palmar
Mariluz Villar
MUJERES
Hablar con Sophia
Lo último
TERCERA FEDERACIÓN
Arranca la era del técnico Agustín Ruiz en el Barco
Crisis en Barbadás
El PP barbadés se queda por ahora en la oposición
ÚLTIMO TRIMESTRE DE 2025
Foro La Región, referente del debate político, territorial y emprendedor