Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Extremadura, laboratorio nacional
A filosofía. Nunca me gustou a filosofía. Quizais porque na miña época había outra forma de estudar. No meu caso aínda peor, pois creo recordar que cando a estudamos foi xa en 6º de bacharelato e eu fíxeno nun libro de meu irmán Manolo, que me leva oito anos (xa sabedes que, agora, os libros non valen dun ano para outro). Daquel libro non entendía nada. E de toda a materia só se me quedou unha cousa que nos dixo de palabra o padre Graña: "a sorte non existe; as cousas son ou non son". Máis ou menos. A ver, si, sei quen é Sócrates, Rousseau, Platón e Kant, pero despois están eses alemáns que teñen apelidos impronunciables e, claro, quítanche as ganas de furgar no mundo filosófico. E menos mal que apareceu por aí o libro "El mundo de Sofía", de Jostein Gaarder, que durante un tempo me fixo pasar moi boas tardes chegando a amar incluso a filosofía.
Por desgraza ese parágrafo xa non o pode ler Sergio Vences Fernández, que, o máis seguro, sería quen esbardallase dos meus entendementos filosóficos. E con razón. Porque Sergio Vences si foi un auténtico filósofo e un gran personaxe cultural que eu, tamén por desgraza, descubrín hai pouquiño. E de forma casual: fochicando pola Internet buscando datos ou cousas do meu Baños de Molgas.
Porque Sergio Vences Fernández naceu en Baños de Molgas, máis en concreto en Vilariño de Lama Má o 22 de setembro de 1936. Era o quinto de seis irmáns; cinco homes e unha muller. O pai de Sergio pódese dicir que era un home adiantado ó seu tempo, xa que sempre quixo que todos os seus fillos estudaran, e nos anos 30 iso xa tiña mérito de carallo. Ata quixo que a única filla o fixera tamén (muller estudando naqueles anos... uff), polo que a quería meter nas monxas, mais pola delicada saúde da dona da casa e a situación de ter cinco homes á cargo, máis o marido (que non axudan nada nas labores, nas tarefas das casas, e dígoo por experiencia), non lle quedou outra que deixala a cargo do fogar. Os homes si que se dedicaron a estudar. Xunto ós curas, claro. E algúns saíron sacerdotes, pero Sergio...
Pero Sergio Vences non quixo cantar misa e fuxiu porque non soportaba ós da sotana. Marchou para Madrid e alá se matriculou na Universidade ó mesmo tempo que facía o servizo militar. Estudaba dúas carreiras a un tempo: filosofía e dereito, aínda que esta deixouna logo de tres anos "porque non lle atraía nada", segundo me confesou unha sobriña súa. Sergio coñeceu a unha alemá e para ese país marchou. Ela fíxose profesora de instituto e el foi lector de español nas universidades de Colonia e Duisburgo entre 1969 e 1983. Tamén foi redactor, locutor e tradutor para Radio Nacional de Alemaña para o Exterior, motivos polos que entrevistou a grandes persoeiros como Camilo José Cela, Madariaga, Halffter, Labordeta, Buero Vallejo e Arrabal, entre outros.
Cando escribiu o seu libro "La voz y el caminante", foi Cela quen llo publicou. Quixo probar sorte na Universidade de Santiago, pero como non se atopaba a gusto, volveu axiña para Alemaña. Mais ó divorciarse, volveu outra vez para a capital de Galicia. E como seguía sen se acomodar en Santiago, optou por largar definitivamente para a Universidade da Coruña, onde volveu casar cunha profesora de maxisterio.
Segundo palabras dun colega seu, Sergio Vences Fernández "era todo un personaxe transgresor, provocador, burlón, sarcástico, crítico e denunciante das normas sociais e das limitacións ó home, cidadán do mundo". Bo coñecedor e amante da literatura, publicou libros de poesía (a citada "La voz y el caminante", 1969, e "De la memoria al sueño", 2003); narrativa ("Nas profundas augas do esquecemento", 2011, que se refire ó río Arnoia e é algo así como unha autobiografía); ensaio ("Los caminos de Martin Heidegger. Filosofía del lenguaje en el siglo XX", 1993, e "Vislumbres de utopía", 1995); e teatro ("Platón suspende la selectividad", 1994). Esta obra chegou a representala no teatro Rosalía de Castro da Coruña cun grupo de alumnas e alumnos. O texto critica as probas de acceso á Universidade de forma provocadora e con moita retranca.
Sergio Vences colaborou así mesmo en diversas revistas e xornais, como Romanische Forschungen, Papeles de Son Armadans, La Nueva España, El Correo Gallego, El Ideal Gallego, La Opinión, etc. Chegou a traducir a Dietrich Bonhoeffer, Frederik Hetmann e Edmund Husserl.
A Universidade da Coruña rendeulle unha homenaxe en 2006 co libro "Pensar en tiempos de oscuridad". Sergio Vences Fernández faleceu o 20 de decembro de 2012, á idade de 76 anos, na máis completa intimidade. Este Testemuñas é a miña homenaxe a un filósofo e escritor molgués que se distinguiu polo seu compromiso cívico coa verdade e que fixo do sarcasmo a súa bandeira.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Extremadura, laboratorio nacional
Rafael Torres
Ayuso o el ardor
Afonso Vázquez-Monxardín
Saudade do PSdG
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Navidad sin ti
Lo último
ENTIDADE BENÉFICA
Protección Civil entrega as doazóns de 37 concellos
INTERNACIONALIZACIÓN
La experta vitivinícola Beth Willard descubre bodegas de la D.O. Monterrei
PREFERENTE FUTGAL
El Cented busca regularidad