Cinco anos despois

O AFIADOR

Publicado: 16 mar 2025 - 08:24
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Cinco anos xa dende aquel 15 de marzo no que nos quedamos confinados, con apenas liberdade de movementos máis que para cuestións imprescindibles. Foron meses de dureza extraordinaria nos que por vez primeira nos demos conta de que o mundo urbano moderno está concebido para sobrevivir pero non para vivir. A organización da sociedade que autoridades e urbanistas foron conformando ao longo dos anos apareceusenos, de repente, como un amoreamento de celas nos que a falta de espazo durante periodos de tempo prolongados se converte nunha ameaza para o equilibrio vital.

Todo pasou e a memoria do acontecido vaise esvaendo, pero faríamos mal en pechar o sucedido no baúl do esquecemento

Como a necesidade obriga á procura de alternativas, cada quen habilitou as suas, facendo das estancias da vivenda espazos polivalentes: ora oficina, ora aula docente, ora polideportivo ou sala de xogos e televisión, ademáis de ágora para outros usos lúdicos. Pasillos que funcionaron como roteiros sucedáneo de imaxinarias andainas e garaxes usados como canchas de fútbol ou baloncesto, con balcóns usados para o solaz ou como improvisado esceario de concertos ó anoitecer.

Por outra parte, o confinamento converteunos en máis solidarios, comprensivos e agradecidos, capaces de recoñecer cada tarde o titánico esforzos do persoal sanitario que sacou enerxías de non se sabe onde e funcionaron como atlantes para manter o sistema no medio de tanta adversidade, medos e decoñecemento. Nunca pagaremos suficiente a sua contribución, se ben foron os máis recoñecidos entre os imprescindibles, pois houbo colectivos con inmensa capacidade de entrega -caixeiras de supermercados, por exemplo- que non recibiron apenas recompensa moral.

Todo pasou razonablemente e a memoria do acontecido vaise esvaendo, pero faríamos mal en pechar o sucedido no baúl do esquecemento, porque houbo situacións para ter moi presentes. O vivido polos maiores nas residencias -ou na soidade das suas casas-, é unha delas. Máis alá do escandaloso e arrepiante exemplo de Madrid, sobrecolle a vulnerabilidade de millóns de persoas maiores que pasan a última fase da sua vida con necesidades de todo tipo. Unhas, materiais; outras, emocionais e afectivas -ás veces tan importantes como as anteriores-, e algunhas máis, carentes das primeiras e das segundas.

Desgarradora realidade para a que, me temo, carecemos de remedio, pois as vacinas non abarcan esta eiva. Triste pago para o tramo final dunha vida de traballos e esforzos, de actitudes desprendidas cos seus, ata máis alá do razonable, para chegar á antesala do inevitable ca sensación de formar parte da nada; acaso, só diñeiro, que sin o afecto e o cariño resolve pouco.

Contenido patrocinado

stats