Colaboracións de e con coral De Ruada

Publicado: 22 jun 2024 - 06:00

Na longa historia de De Ruada foron moitas as ocasións en que a histórica coral ourensá colaborou ou recibiu a colaboracións doutros coros, grupos musicais e grupos de baile relacionados co folclore tradicional. Tratábase, en tódolos casos, de grupos afeccionados. Pero o que xa non foi historicamente tan frecuente é que un Coro Galego Histórico, como De Ruada, recibise colaboracións de grupos e artistas profesionais ou semi-profesionais e colaborase tamén con eles. De feito, houbo que agardar moitos anos para que estas colaboracións comezaran. Dende entón, foron moitas e moi variadas as actividades desenvolvidas por De Ruada en colaboración con outros grupos e artistas e destes con De Ruada. Vexamos:

No Festival de Cornouaille, celebrado en xullo de 2006 na cidade bretoa de Quimper, De Ruada participou en varias cantigas do concerto ofrecido polo recoñecido gaiteiro Carlos Núñez. En 2009, Manuel Brañas, de Brañas Folk, solicitou a colaboración de De Ruada para a gravación do tema “Canto das Chirimías da Catedral de Santiago”, que forma parte do seu CD “Alalá do Cebreiro”. Con esta mesma peza, De Ruada colaborou en concertos de Brañas Folk e este grupo con De Ruada. Por outra banda, Brañas Folk participou na gravación do tema “Millo verde” incluído no último CD da Coral “De Ruada entre Amigos”, editado en 2016.

En 2011, De Ruada participou nun concerto ofrecido polo excelente grupo de música tradicional Os Melidaos na Praza Maior de Ourense, co gallo das Festas de Ourense. Anos máis tarde, Os Melidaos participaron na gravación do tema “Foliada de Castrelo” do CD “De Ruada entre Amigos” comentado anteriormente. Por outra banda, Os Melidaos participaron no concerto que de De Ruada organizou en 2019 no Auditorio de Ourense, co gallo do seu Centenario.

Entre 2015 e 2018, De Ruada participou na gravación de varios temas (once concretamente) nos tres CD de Luar na Lubre “Extra-Mundi”, “XXX Aniversario” e “Ribeira Sacra”. Pola súa parte, Luar na Lubre participou na gravación da peza “Cantiga de Falván” do CD “De Ruada entre Amigos”. Froito desta intensa e cordial relación foron os concertos de Luar na Lubre en Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Esgos, TVG, nos que participou De Ruada e o concerto de De Ruada no Auditorio de Ourense, co gallo do seu Centenario, no que participou Luar na Lubre, entre outros grupos.

No xa mencionado último CD da Coral, titulado “De Ruada entre Amigos”, colaboraron, ademais dos grupos xa mencionados, os ourensáns Gomes Mouro e Cristina Pato -cos que compartimos ademais algúns concertos-, Milladoiro, o músico inglés Andrew Cronshaw e o armenio Tigran Aleksanyan.

Outra colaboración destacada produciuse co coñecido gaiteiro pontevedrés Óscar Ibáñez, que celebrou os concertos “Óscar Ibáñez & Tribo” nos teatros Principal de Ourense e de Pontevedra durante 2017. Para tales ocasións convidou á coral De Ruada para acompañalo nas pezas “Alalá de Ourense” e “Xota da montaña”. Dous anos despois, en agosto de 2019, Óscar colaborou con De Ruada nun concerto ofrecido polos Coros Galegos Históricos, na praza da Ferrería da vila do Lérez, en conmemoración do ofrecido cen anos antes polos mesmos coros en homenaxe ao boticario pontevedrés Perfecto Feijóo, fundador do coro Aires da Terra, o precursor do Coros Galegos.

Con Xosé Manuel Piñeiro, De Ruada colaborou nunha actuación na TVG e nun concerto solidario pro-Ecuador celebrado en 2016 no teatro Principal de Ourense.

O ano pasado, De Ruada foi requirida polo pianista e produtor arxentino, residente en Galicia, Juan Carlos Cambas para participar no seu espectáculo musical “A viaxe / El viaje” sobre a emigración galega a América de principio do pasado século e retorno dos seus descendentes no principio do século presente. O espectáculo, no que tamén colaborou o gran tenor arxentino José Cura, celebrouse no Teatro Principal de Ourense. Tamén en 2023, De Ruada colaborou co gran cantautor Amancio Prada nun concerto celebrado no auditorio do Balneario de Mondariz. No concerto dos Amigos do mesmo ano, De Ruada contou coa colaboración da orquestra de acordeóns da Escola de Música Bieito Blanco.

Pero a colaboración máis curiosa realizada ata hoxe foi a participación de varios membros de De Ruada na representación da ópera Otello a cargo da Ópera Nacional de Moldavia que tivo lugar hai uns meses no teatro Principal.

Hoxe, 22 de xuño, ás 20,00 horas,De Ruada ofrecerá no Teatro Principal o Concerto dos Amigos correspondente ao ano 2024 e, nesta ocasión, contará coas nosas escolas de música e baile, co Coro Infantil do Colexio Padre Feijó-Zorelle, coa nosa pianista Irma Fernández Alonso e coa colaboración extraordinaria do excelente grupo ourensán de folk-rock “Guezos”. Será un gran concerto ao que convidamos a tódolos nosos amigos e a tódolos ourensáns que queiran acompañarnos.

Contenido patrocinado

stats