Lalo Pavón
O AFIADOR
O poder da esmola
TRIBUNA
Hai uns meses, nestas mesmas páxinas, escribín un artigo titulado “O teatro de Xavier Prado Lameiro e a Coral De Ruada” no que remataba coa seguinte frase: Dentro duns meses, temos programada a gravación das obras N’a corredoira e Todo ten goberno para seren espalladas libremente polas plataformas on line. Hai que ir cos tempos...
Pois ben, o pasado 23 de xuño realizamos a gravación —coa produtora Merenda Creativa— desas dúas pezas no auditorio de Vilamarín e nas semanas seguintes tivo lugar o proceso de montaxe, de xeito que xa temos nas nosas mans os vídeos correspondentes en formato MP4. Como queira que estamos moi agradecidos ás autoridades de Vilamarín polas facilidades ofrecidas para a gravación, será nese auditorio onde se presenten ao público por primeira vez. A proxección terá lugar o 17 deste mesmo mes a partir das 20,00 horas.
Posteriormente, presentaremos as gravacións ao público ourensán, para o que contamos coa inestimable colaboración do Cine Clube Padre Feijóo de Ourense, que ofrecerá, de xeito gratuíto, unha sesión extraordinaria o día 22 ás 18,00 horas para esta proxección no salón de actos da Casa de Cultura, na rúa do Concello 11.
En De Ruada estamos moi ilusionados con este novo proxecto e queremos felicitar ao director, César Francisco González Fernández, e a tódolos compoñentes do noso Taller de Teatro Xavier Prado Lameiro que participaron nestas gravacións: Manuel Souto Prieto, Marisa Nóvoa Santás, Manuel Ángel Sánchez Pérez, Mari Gómez Cid, María Soledad do Muíño Cid, Irene Fernández Alonso, Raúl Cachaldora Fernández, Juan Canal López, Raquel Laso Álvarez e eu mesmo, polo excelente traballo realizado.
Por outra banda, tamén hai que destacar que toda a música empregada nos vídeos (cantos de cego, alalás e música de continuidade) é do repertorio da Coral De Ruada. En Todo ten goberno pódense escoitar, durante a representación, Canto de cego, Alalá de Canedo e Alalá das Mariñas. Ademais, durante a introdución e ao remate, escoitaranse dúas pezas que forman parte do noso último CD que leva por título De Ruada entre Amigos: Alalá para Coral De Ruada (de Andrew Cronshaw; baseada no Alalá do Castro, do repertorio da Coral De Ruada, interpretada polo propio Andrew Cronshaw —cítara— e Tigran Aleksanyan —duduk—) e Ante un vello cruceiro (de José Fernández Vide "Mestre Vide", interpretada pola nosa pianista Irma Fernández Alonso). En N’a Corredoira non hai música durante a representación, pero si na introdución e no remate, onde se pode escoitar a peza Lentille que eu mesmo compuxen en 2018 e que está interpretada por instrumentos dixitais.
Unha vez presentadas estas dúas pezas teatrais, a Coral De Ruada ten pensado espallalas, de xeito totalmente gratuíto, por toda clase de redes e medios informáticos para que se poidan ver desde calquera parte do mundo. Algo así como ocorreu no seu momento —salvando as distancias— co famoso programa da primeira canle da TVE Estudio 1.
É un xeito de non esquecer o labor literario de Xavier Prado Lameiro, un dos fundadores de De Ruada, para quen reivindicamos unha vez máis un día das Letras Galegas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lalo Pavón
O AFIADOR
O poder da esmola
Emilio R. Portabales
TRIBUNA
Videoteatro de Xavier Prado Lameiro
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Caso único y caso perdido
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Ceuta, la normalidad y la ley
Lo último