José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Escavacións arqueolóxicas nas orixes de Ourense: As Burgas (II)
Unha vez chamada a súa atención voulle dar a volta e dicir o contrario ao que parece que quere dar a entender o título. Como é obvio, e aínda que só sexa por descendente de xentes do viño -grazas a el a miña avoa e os seus irmáns fixéronse mestres- teño o máximo cariño, respecto, aprecio e gabanzas a todo a parroquia dos que viven ao redor da cepa, epítome do cultivo culto.
A todos os que saben o que é a rodriga ou arxona, a todos os que saben o que pesa un culeiro, e a todos os que saben que a coitela é curva e perigosa, a todos os que lles doeron as costas de andar apañando bagos, aos que teñen pisado viño e barrado unha pipa, a todos, a miña máxima estima. Ademais, creo que o traballo que se vén facendo nas últimas décadas no sector é espectacular. Que lonxe parecen xa os tempos dos viños horrorosos, atoldados, picados, servidos nas bastas cuncas brancas! Creo, ademais, que o traballo feito na dignificación do viño desde as grandes cooperativas e das grandes e pequenas empresas é exemplar. Mágoa que non haxa terras abondas e que as propiedades e adegas sexan tan minúsculas e esparexidas e que lles sexa difícil ter grandes producións introducibles en mercados amplos. Pero o traballo que están facendo desde o sector é superpositivo. As veces que os teño oído en charlas sobre o tema, parécenme reflexións moi atinadas. Creo, ademais, que todo o que vaia en pro da unidade do sector é marabilloso, e é moi boa idea faceren cousas conxuntas entre as catro denominacións. Polo tanto, máximas felicidades a todos eles.
E logo o título? Pois élles unha cuestión puramente léxica. A palabra "colleita", como é obvio, refírese á recolección agraria. A calquera recolección: "A colleita de grelos non é moi boa porque non xeou o suficiente". Ou metaforicamente: "Rusia colleitou un grande éxito internacional co acordo de alto o fogo de Siria". Así pois, colleiteiro é unha das palabras posibles para os que se dedican ao cultivo do viño porque, efectivamente, o colleitan. Pero é demasiado xeneralista e, ademais, non me parece, máis alá da súa aparencia, moi enxebre. Diría eu máis, a palabra "cosechero" que se impuxo bastante no medio rural galego entre os que andaban na produción e trafego do viño, creo que non veu a substituír a "colleiteiro", palabra que non aparece en ningún dicionario vello e non é usada por ningún escritor, senón a unha máis enxebre, máis relacionada do tema de vello, como é "viñateiro". Non descarto que igual que a palabra "pueblo" case fai desaparecer "aldea", a de "cosechero" tratara de substituír a "viñateiro", palabra con tradición. Di, por exemplo, don Eladio Rodríguez, no seu dicionario: Viñateiro: Viñador, el que cultiva las viñas y trafica con el vino para su venta.
Obviamente a palabra "viñateiro" está construída sobre "viño" polo que a relación entre produto e a persoa que del trata, é unívoca. Un viñateiro colleita e vende viño. Un colleiteiro, pois depende. En fin, déixome de mixiricadas. Viva o viño e vivan os viñateiros (ou colleiteiros, se eles o prefiren). Que sigan traballando ben. E nós que o bebamos neste 2017 e seguintes.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Escavacións arqueolóxicas nas orixes de Ourense: As Burgas (II)
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Marcos, el mochilo
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
El burka de la izquierda
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Doping
Lo último
Sociedad de Promoción Exterior Principado de Asturias
Bruno López, director general de Asturex: “Exportar requiere paciencia, constancia y músculo económico”
FIESTA GASTRONÓMICA
A disfrutar del “xantar da cachucha”
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, sábado 21 de febrero?