Cónclave

Publicado: 10 may 2025 - 05:35

Entre conto e conto, botamos case un par de horas de leria
Entre conto e conto, botamos case un par de horas de leria | EP

Cóntame Atheán os traballiños que levan os anxos cando morre, ou renuncia, un papa e hai que escoller outro. Dime o anxo amigo: “ nós non saímos nas fotos nin nas televisións de todo o mundo, pero participamos en todo o que se pode denominar como a intendencia da alma dos prelados” E así, prestando atención ó seu relato, puiden coñecer as funcións de arcanxos, serafíns, querubíns e demais seres dotados da graza divina.Moi activos por detrás do cerimonial. “Entre os cardeais hai de todo, como en botica. Imaxínate ti a133 homes xuntos, de diferentes razas, linguas, gustos e condicións.” Só 5 ostentan o cargo máximo, purpurádos-bispos, 110 son presbíteros e 20 diáconos. Unha xerarquía rigorosa. Souben así, que a cousa complícase, aínda máis, cos que pertencen ás Igrexas orientais católicas; caldea, siro-malankar, etíope, greco-católica ucraína, e siro-malabar. Ostentan a representación de 71 países de 6 continentes. Destacan Italia, con 17, EEUU, con 10, Brasil, con 7, España, con 5, Francia, con 5, India, con 4, Canadá, con 4, Arxentina, con 4, Portugal, con 4 e Polonia, tamén con 4. O número de católicos no mundo medra, tanto a nivel global coma nos diversos continentes, acada a cifra de 1.406 millóns de humanos.

O curioso é que un anxo ten que atender a varios electores. O noso Atheán, por exemplo, foi o encargado dos 5 españois, dos 4 portugueses e do único representante de Timor Oriental, un tipo seica moi simpático. O salesiano progresista chamado Virgilio do Carmo da Silva, S.D.B. Este prelado fala, naturalmente, portugués, pero prefire expresarse en tetún, lingua austronesia cooficial, con influencias portuguesas e malaias. Virgilio instruíu a Atheán sobre as variedades deste idioma, produto do contacto durante a colonización lusa, no século XVI. O tetun-prasa é a fala franca, utilizada na educación, no ámbito urbano e nos medios de comunicación. Son 800.000 os timorenses que utilizan o tetun-prasa, sobre todo na capital, Dili. A Igrexa católica, contoulle Virgilio, defendeu o tetun como lingua litúrxia, despois da invasión indonesia de 1975. Atheán, sempre agudo e oportuno, alertou ó arcebispo sobre a conveniencia de intercambios entre o galego e o tetun. Virxilio coñece Santiago de Compostela e ténlle cariño a Galicia. Bo comedor e amante do viño branco, prometeulle ó anxo o contacto co Instituto Nacional de Lingüística do seu país.

Entre conto e conto, botamos case un par de horas de leria

Outra das confidencias que me fixo Atheán foi o desencontro entre portugueses e brasileiros. Sendo estes últimos maioritarios, negáronse en partillar anxo cos seus excolonizadores. Moveron e removeron -Roma con Santiago, nunca millor dito- e conseguiron librarse diles. “ Iso si, recoñeceu o anxo galeguizado, pedíronme desculpas moi amablemente. Non querían nada con Europa, os seus intereses pasan por Iberoamérica.”

Sendo como é Atheán, moi serio e reservado nas súas funcións de intermediario divino, non logrei que entrase no campo das intimidades. Todo máis algunha cousiña no pecado da gula. Os xantares do cónclave non foron, por certo, nada lixeiros; varios entrantes e peixe ou carne, a escoller. O viño todo italiano, norma que ven de vello. Iso si, os electores obrigados a gardar réxime, tiñan varias posiblidades. As ceas, en cambio, foron menos copiosas; moita froita, queixos italianos, por suposto, e doces exquisitos. En honor ó papa Francisco, sempre houbo doce de leite arxentino nas sobremesas. Moi gabado polos larpeiros.

Entre conto e conto, botamos case un par de horas de leria. E a Atheán fóiselle escapando algunha información sobre o seu labor espiritoal. Como ós arcanxos tócalles atender ós da cúpula, naturalmente os máis vellos; “ O traballo de Miguel, Gabriel e Rafael foi doado. Os arcebispos de maior idade déitanse cedo, os máis diles non teñen problemas máis que os da saúde. Mandan a outros a negociar e permanecen calados e solemnes, botando unha soneca cando llo pide o corpo. Non cargan conflitos de conciencia;van ó que van e punto.” Para o resto é distinto. Os electores máis novos, sobre todo os que se estrean, dubidan moitísimo. Piden axuda constantemente e non paran na cama. Reclaman auxilio por calquera parvada. “ A min tocoume un portugués que me puxo tolo”, concluíu Atheán.

Contenido patrocinado

stats