A voltas cos torques de Ansorena

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 16 may 2026 - 05:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Ahistoria oral é unha das fontes admitidas pola investigación histórica. En 1988 Paul Thompson dicía dela que “...é a máis nova e a máis antiga forma de facer historia”, como cita David Mariezkurrena en “La historia oral como método de investigación histórica”.

Moitas veces descubrimos xacementos nas prospección arqueolóxicas guiándonos por relatos de entrevistados locais, de narracións sobre lugares onde habitaban os antigos -os “mouros”- e sitios onde se produciran achados de pezas acaecidos xeracións atrás, transformándose non poucos deses relatos en xacementos arqueolóxicos reais. Os arqueólogos soemos dicir que toda lenda ten un transfundo de realidade, que cada narración agacha unha historia enmascarada. Antes de iniciar unha prospección arqueolóxica, adoitabamos repartir enquisas entre os nenos dos colexios do lugar. As respostas que traían da casa unha vez consultados os pais, e sobre todo os avós, soían ser proveitosas, porque a tradición oral ben interpretada e estudada axeitadamente pode contribuír á construción histórica igual que a documentación escrita ou as escavacións arqueolóxicas. E a que ben esta introdución?, dirán vostedes. Pois a que recentemente o profesor e amigo Afonso Monxardín, colaborador habitual deste mesmo medio, escribía dous artigos sobre os torques e outras pezas que ían saír á poxa o pasado xoves 14 de maio da man da casa Ansorena de Madrid, mentres escribía estas liñas. As lóxicas dúbidas da administración sobre a procedencia dos colares castrexos de ouro, con toda posibilidade fabricados uns séculos antes do cambio de era, impide -impediu- unha acción institucional rápida para facerse con eles e depositalos no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, como si se fixo meses atrás con catro moedas de ouro chamadas tremisses, cuñadas nas épocas sueva e visigoda, xunto con outras das etapas dos Reis Católicos e de Felipe II. Todas se exhiben hoxe no dito museo ourensán.

A tradición investigadora sobre os torques en particular e a ourivería castrexa en xeral fixo, como vimos, que comezaran as pescudas sobre o dado e chamar tesouro de Ansorena.

En efecto, parece que o problema para actuar é definir con precisión o lugar do achado deste posible tesouro, a súa procedencia galega. Segundo escribe Monxardín, o museo de Ourense andou na pista tempo atrás. De feito, as xoias da época dos castros foi o tema da excelente tese de licenciatura de Bieito Pérez Outeiriño, despois publicada en 1982 co título “De ouriveria castrexa” como un anexo do Boletín Auriense. Tampouco debemos esquecer a tese de doutoramento pioneira en Galicia do profesor Ladislao Castro “Los torques. Estudio de historia, arqueología y contexto de un adorno”, de 1988, ou a máis recente “The sacred torcs: prehistory and archaeology of a symbol”, que sen incluír os de Ansorena, contextualiza os torques castrexo-galaicos no escenario máis amplo europeo e coetáneo da súa fabricación e uso. E, por suposto, todos os traballos anteriores de Florentino Cuevillas que non vamos pormenorizar agora.

A tradición investigadora sobre os torques en particular e a ourivería castrexa en xeral fixo, como vimos, que comezaran as pescudas sobre o dado e chamar tesouro de Ansorena. Segundo a bonita descrición novelada do achado presentada por Monxardín o pasado sábado, os protagonistas preparaban o terreo do chamado “Castro de Beade” en bancais para acoller as novas cepas coas que logo embotellarán coa etiqueta de Torques do Castro, unha referencia evocadora, máis aínda cando procede dese lugar chamado castro. Pormenorizando máis, parece que o sitio exacto denominase O Valadouro. Os protagonistas na suposta ficción de Afonso Monxardín, “Antonio O Gaiteiro” xunto cos seus fillos e netos, tiveron e teñen identidade real e puideron protagonizar ou gardar a lembrarza dos feitos. Dúas ou tres xeracións son poucas para que se esvaeza a memoria familiar, que de ser comprobada, daría o salto á historia.

Quizais un estudo do relato dos descendentes máis unhas sondaxes arqueolóxicas no Valadouro -é dicir, tradición oral máis arqueoloxía- puideran arroxar luz sobre o achado e sumarse aos datos da documentación posterior á poxa. Ademais, o Museo Arqueolóxico de Ourense non custodia na actualidade torques ningún desta etapa da protohistoria esencial para a configuración da cultura galega, aínda gardando a memoria dunha provincia rica en xacementos auríferos. Sería unha boa oportunidade de facerse con eles. A ver se aínda é posible.

Contenido patrocinado

stats