A conversión

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 01 nov 2025 - 01:55

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Antes de onte celebrámo-lo 105 aniversario do nacemento do primeiro número da revista “Nós, revista mensual da cultura galega” que foi imprentado nos talleres do xornal La Región de Ourense nuns tempos nos que a cidade das Burgas era un dos eixes arredor dos que xiraba a cultura do país. O tempora, o mores. Trátase dunha das obras que marcan o cumio da nosa capacidade de creación e produción culturais como pobo ó tempo que constitúe unha publicación fundamental para explicarnos a nós mesmos como etnia.

Liderada por un Vicente Risco en plena produción ideolóxica galeguista, no seu consello redactor aparecen Antón Losada Diéguez, Florentino López-Alonso Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo; un abano selecto de persoeiros que xunto a Arturo Noguerol no papel de xerente, conformaron un cenáculo de sabios ourensáns erixido no verdadeiro núcleo impulsor dun emblema da autoidentificación coa terra e mais do orgullo de sermos galegos. Con todo, para min representa, sobre todo, a ratificación dunha decisión anterior: a conversión dun grupo intelectual que dende a inadaptación social e o dandismo, aterra como escolleito na causa política de Galicia. E isto pódese comprobar ó consulta-las tres obras que eu adoito erguer á categoría de evanxeos da conversión galeguista: “Nós, os inadaptados” de Risco; “Arredor de si” de Otero e “Dos nosos tempos” de Cuevillas.

Así foi como Galicia, aquela terra tan descoñecida para eles, situada tan cerca e tan lonxe deles, apareceu de socate diante dos seus ollos como a novidade que andaban a procurar.

A súa lectura polo miúdo, permite comprobar como os primeiros sabios eran uns mozos indolentes que adoptaban unha estética dandi e un vivir a contrafío totalmente afastado do decorrer vital e das modas imperantes na “sociedade de provincias”, a ourensá, que os acubillaba. Inadaptados por decisión propia, irracionalistas, individualistas e moi antigregarios -segundo o ensaio risquián-, conformaron un grupo de homes que se gababan do seu vestir rechamante, que adoptaban posturas indolentes que non deixaban a ninguén indiferente e que nun afán de illamento social, parolaban sobre temas afastados das conversas cotiáns dos vulgares e filisteos, segundo o Cuevillas de “Una noche en la Alameda”. Refírome a momentos nos que a chamada galeguista aínda non petara nas súas portas e nos que aínda non mostraran unha gran estimanza nin pola lingua, nin pola literatura galegas. En troques, falo duns tempos de primacía do Eu fronte ó Nós e nos que estes sabios ourensáns -sobre todo Risco-, adoptan ó Oriente coma modelo dunha civilización superior e atopan no estudio da teosofía e as filosofías orientalistas -coma o budismo-, as fontes teóricas que sustentan a súa decidida disensión e o seu diferencialismo vital.

Pero algo cambiou e a descuberta de Galicia suporía para eles unha mudanza radical nos seus obxectivos tanto de vida como de acción. Semella que o labor de proselitismo de Losada Diéguez -militante xa das Irmandades da Fala- foi o detonante necesario e imprescindíbel. Sexa como for, aqueles sabios indolentes e diletantes viraron dende o Eu cara ó Nos cando deron en pensar que a nosa terra era aquilo que estaban a procurar sen sabelo; cando caeron na conta de que o paraíso exótico que andaban a buscar polo mundo adiante -lembremos a Otero- non estaba afastado, senón preto: era Galicia, a súa terra, o país que representaba totalmente o medio no que se podía mover en paz o seu espírito. Así foi como Galicia, aquela terra tan descoñecida para eles, situada tan cerca e tan lonxe deles, apareceu de socate diante dos seus ollos como a novidade que andaban a procurar. Unha terra onde as súas liberdades non estaban ameazadas por un monstro, o marxismo, que estaba a facer estragos na sociedade da súa, noutrora, gabada Rusia. Era Galicia, o paraíso onde a súa alma atopou acomodo nun corpo libre.

Contenido patrocinado

stats