Fermín Bocos
Sin presupuestos, sin rubor
CASTELLUM HONESTI
O ourensanismo de Cuevillas ispiraba seus minutos, vixilias, traballo, ensoares.” Deste xeito, Otero Pedrayo resumiu un eixo fundamental do pensamento de Florentino López-Alonso Cuevillas. E fíxoo no prólogo do libro publicado no ano 1969 –“Cosas de Orense”-, que recolle unha escolma de artigos que o seu amigo publicou entre 1946 e 1948, no xornal La Región.
Valéndose de distintos elementos da cidade -a praza, unha rúa, o río, unha festa, un oficio, os coiñales, a moda ou as crenzas-, Cuevillas construíu un pensamento conservador coherente, moi crítico coa moderrnidade e comprometido con Ourense e a identidade galega. Na súa columna “Las cosas de Orense”, o pasado é un tempo de integración, de equilibrio e de orde natural das cousas. Fronte a el, o presente moderno supón unha ameaza que provoca a ruptura da orde, a despersonalización e a perda das esencias ourensás.
Un trazo esencial é a súa concepción organicista da realidade xa que retrata a Ourense coma un corpo vivo. A Praza Maior é o seu corazón, os camiños son as veas e o río representa o caudal da memoria en movemento. Cando a cidade medra mal e se afasta do seu centro vital ou ben se deixa dirixir por unha lóxica allea á súa natureza, contrae unha enfermidade representada polo urbanismo moderno, lineal e gris, que agride a orde social natural e histórica.
Galicia é un pobo que interiorizou un auto desprezo: perde a lingua, deforma os topónimos, substitúe a música e os bailes tradicionais, consente a desaparición do traxe
A partir desta idea, desenvolve unha crítica sistemática do modernismo na que o cemento, as estradas, o ferrocarril, a industria -o progreso técnico, en xeral-, son signos dun tempo gris, uniforme e sen alma. Cuevillas oponlles o mundo tradicional representado na pedra, o camiño, o carro, o oficio artesanal e a arquitectura popular. Non é só un exercicio de nostalxia, representa tamén un xuízo moral e estético por que a modernidade destrúe a beleza ó perde-lo sentido do límite, da harmonía e da integración coa paisaxe. Asemade, fai unha crítica espiritual: os ríos saben máis ca os homes, as campás falan, os camiños teñen espírito e as festas son ritos que conectan a vivos e mortos. O cristianismo galego non foi nunca unha ruptura, senón unha continuidade co mundo pagán xa que as ermidas ocupan antigos lugares sagrados e as romarías conservan funcións ancestrais. En troques, a modernidade racha a cadea simbólica co pasado e deixa ó home descrido, desarraigado e desligado do ritmo de vida tradicional.
No ámbito social e moral, Cuevillas critica a desaparición das formas, da cortesía e do estilo. O eloxio da “señorita”, do cabaleiro ou do mundo rural, non é unha denuncia de dereitos negados, senón a defensa dunha estética de vida onde cada quen tiña o seu papel. Fronte a isto, a igualdade moderna empobrece por que uniformiza e destrúe as connotacións particulares.
Para el, Ourense foi o espello de Galicia; por iso o descrito é a metáfora do drama da identidade galega. Galicia é un pobo que interiorizou un auto desprezo: perde a lingua, deforma os topónimos, substitúe a música e os bailes tradicionais, consente a desaparición do traxe; estes non son fenómenos illados, senón síntomas dun complexo de inferioridade colectivo. A Galicia non a vence a forza pero si a aceptación voluntaria da súa propia negación como pobo.
O ourensanista escribe desde a conciencia de asistir ó final dun mundo dotado de sentido -o tradicional- fronte ós embates dunha modernidade que o anula por que uniformiza e racha co que significa tradición. Porén, sempre queda un alento de esperanza e por iso, fai unha chamada implícita á responsabilidade, á renacencia galega. Neste sentido, coida que Galicia pode salvarse se recupera a súa lingua, a súa historia, a súa relación coa terra e o seu orgullo de pobo. En resumo, Florentino López-Alonso Cuevillas convócanos a servir a Galicia non só dende as declaracións de amor, senón a través do traballo activo a prol da súa continuidade material e espiritual.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
TENSIÓN GLOBAL EN AUMENTO
Trump ve bien retirar las bases en España y otros países OTAN
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este sábado, 21 de marzo
SABOR DE BOCA AMARGO
El Arenteiro sigue sin coger aire ante el Celta Fortuna (1-1)